Unha cidade do emperador

Xosé Alfeirán A Coruña

A Coruña

ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

Carlos de Habsburgo partiu en 1520 da Coruña para recibir a coroa do Imperio Germánico

04 feb 2019 . Actualizado ás 08:40 h.

En Frankfurt, o 28 de xuño de 1519, os sete grandes príncipes electores do Sacro Imperio Romano Germánico elixiron como rei de romanos e emperador a Carlos de Habsburgo. A súa decisión repercutiría en toda Europa e tamén na Coruña.

Carlos recibiu a noticia en Barcelona e a súa elección trastornou os seus plans. Nacido en Gante (Flandes) en 1500, era o neto primoxénito de Isabel de Castela, Fernando de Aragón, Maximiliano de Austria e María de Borgoña, herdando numerosos reinos, ducados e condados. En 1517 desembarcara en España e percorreu os seus reinos para ser xurado como o seu rei e señor. Fíxoo en Castela, Aragón e en Barcelona. E aínda que era solemnemente recibido, había queixas e malestar por ser estranxeiro. Tiña que marchar a Aquisgrán para recibir a coroa, se non, non sería emperador.

Pechado o camiño terrestre pola inimizade francesa, sólo podía ir por mar e resolveu partir desde A Coruña. Por que? Na súa travesía naval de 1517 sufriu unha forte tormenta e prometeu, se chegaba san, ir agradecido a Santiago; e antes de iniciar a singradura quería cumprir o prometido. Ademais, preto estaba o porto coruñés.

De camiño a Galicia e para sufragar os gastos convocou en febreiro de 1520 ás Cortes de Castela en Santiago. Aí estaría ata pasar a Semana Santa. Despois marchou para A Coruña. 

37 días na cidade

Chegou o 13 de abril e aloxouse no convento de San Francisco. Tras el veu a corte real. Durante 37 días a cidade converteríase no epicentro dun goberno mundial.

Pechadas as Cortes, o 19 de maio, conta o seu cronista Prudencio de Sandoval, «á posta do sol, levantouse un vento recio. O emperador mandou pregoar o embarque, porque de mañá se quería facer á vela». O domingo «confesou e oíu misa». Na praia do Parrote despediuse, reiterando a promesa de que antes de tres anos volvería.

O seu navío tomou a dianteira e empezou a navegar. As demais naves, «con gran música de todos os ministriles e clarines», seguíronlle. Ían nobres flamencos e casteláns e tamén o galego Fernando de Andrade. Polo servizo recibido na Coruña, o emperador agradecido concederíalle diversos privilexios e converteríaa nun dos portos principais do seu imperio.