Carla Estraviz e Anxo Lorenzo: «Relaxámonos xogando a palabras encadeadas»

M. Vidal CULLEREDO

A Coruña

Estes mozos de Culleredo acaban de conseguir o quinto posto no Campionato de Europa de Patinaxe Artística que se celebrou en Málaga

11 dic 2018 . Actualizado ás 14:11 h.

Teñen 10 e 12 anos respectivamente, pero Carla Estraviz e Anxo Lorenzo teñen unha carreira moi prometedora no mundo da patinaxe artística. Adestran oito horas á semana no Club Fervello, ademais de participar en competicións case todas as fins de semana. Aínda que é un gran esforzo a estas idades, os dous teñen claro que este é o seu futuro.

-Como foi a experiencia de Málaga?

-Carla: Moi ben, ao principio estabamos moi nerviosos, pero despois pasóullenos e puxémonos moi contentos.

-Anxo: Cando gañamos o quinto posto fixemos unha festa. Non era o noso primeiro premio, pero nun campionato europeo si.

-Repetiredes?

C.E. Intentaremos quedar mellor.

Á. L. Oxalá.

-Hai moitos nervios antes de saír á pista?

C. E. Ás veces. Intento facer de todo para tranquilizarme. Desde debuxar ata xogar a palabras encadeadas.

-Adestrades todos os días. É moi sacrificado?

C. E. Adestramos unha ou dúas horas ao día. Oito horas á semana.

Á. L. Máis as fins de semana que hai competicións. Si, é moi sacrificado, pero compensa. Ás veces cando os amigos teñen outros plans dá un pouco de envexa, pero temos claro que é o que hai.

-Desde cando patináis?

C. E. Empecei a patinar aos catro anos no colexio porque as miñas amigas me animaron, e agora a única que patina son eu, elas deixárono.

Á. L. Fai cinco anos. A miña prima patinaba e apeteceume apuntarme.

-Que é o que máis che gusta da patinaxe?

C. E. A danza. Nós competimos na modalidade «só dance» que implicaba facer dous bailes obrigatorios, que son as que fixa a Federación coas súas coreografías marcadas, e outro libre, onde había que incluír diferentes movementos, pero con máis liberdade. E da patinaxe o que máis me gusta é viaxar, estar coas nenas do club, cando saímos a competir fóra coñecemos a moita xente nova.

Á. L. A min tamén, pásomo moi ben e vou a moitos lugares novos.

-Facedes moi bo tándem. Canto tempo levades como parella?

C. E. Dous anos. Estamos a mellorar, porque aínda nos queda un pouco para que todo sexa perfecto.

-Que é o mellor de bailar xuntos?

C. E. Que mo paso moi ben, que xogamos, aínda que ás veces tamén nos pelexamos porque un quere ir para un lado e outro para outro, pero polo resto todo moi ben.

Á. L. Que se un se esquece o outro llo sabe.

-Pásavos a miúdo?

Á. L. Si [Risos]. Máis a un que a outro.

-E que é o mellor de facelo sos?

C. E. Que non nos pelexamos.