Xulio Ferreiro pide ao Ministerio de Traballo que «utilice todas as armas que ten» para tratar de frear o ERE de Alcoa

La Voz A Coruña

A Coruña

ANGEL MANSO

O rexedor sinalou en Exporpymes que non é boa noticia que o xulgado de Róterdam teña decidido non aplicar medidas cautelares ata que se resolva a denuncia do comité europeo da factoría

20 novs 2018 . Actualizado ás 11:55 h.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, instou ao Ministerio de Traballo a ser «riguroso» para tratar de frear o ERE presentado por Alcoa tanto para a planta coruñesa como para a de Avilés.

Minutos antes da inauguración da feira Exporpymes, considerou que «non é unha boa nova» a decisión do xulgado de Róterdam, onde o comité europeo de Alcoa levou o ERE da multinacional para tratar de paralizalo, de non aplicar medidas cautelares ata que se resolva a denuncia, cuxo fallo está previsto para o 3 de decembro.

O rexedor coruñés recalcou que esta denuncia é «un fronte máis de moitos» e que o que agardan é «que a propia Alcoa retire ese ERE e que tamén a autoridade laboral española esgote as súas posibilidades».

Ferreiro insistiu en «comezar dunha vez en serio a negociación» e instou o Goberno de España a «utilizar todas as armas que ten para que Alcoa se aveña a unhas posicións razonables que garantan a continuidade da producción industrial e o emprego na Coruña». 

O rexedor fixo este chamamento no día previo á reunión co Executivo no marco da mesa de traballo constituída cos presidentes autonómicos de Galicia e Asturias e os alcaldes da Coruña e Avilés e que terá lugar ás 17.00 horas en Madrid, segundo confirmou.