Seis minutos para que che vexa un sanitario, sete horas para saír

D. Seoane A Coruña / LA VOZ

A Coruña

ANGEL MANSO

O servizo rexistra unha mellora nos seus índices de resposta pese ao aumento sostido da demanda

11 novs 2018 . Actualizado ás 16:21 h.

Está sempre dispoñible. Día e noite. Domingos e festas de gardar. Non pecha nunca as súas portas, carece de límite de capacidade e tampouco se reserva o dereito de admisión: a quen chegue aténdeselle, así estea rozando o teito en ocupación. Xa se lle buscará un oco. Así é Urxencias, un servizo que no Chuac, ao cabo dun ano, trata ao equivalente á metade longa do censo coruñés: máis de 127.000 adultos buscaron atención no 2017 no máis elástico dos equipos sanitarios. Se a chegada fose graduada, un enfermo cada catro minutos. Sen parar.

Calquera mal pode chegar, ás veces moitos xuntos, e cada caso ten a súa propia medida. Pero as medias -todo está calculado- reflicten que, pese ao constante aumento da demanda e a taxa de ingreso, xa no 18 %, en tres anos baixouse o tempo de resposta e tamén a estancia no servizo. O primeiro contacto con persoal sanitario é en 6 minutos, minuto e medio antes que no 2015, e sáese ao cabo de sete horas, unha antes.

Melloras de espazo e ferramentas como o UMAx colaboran a facer fronte a unha presión sostida que asumen 254 persoas (41 médicos, 95 enfermeiros, 68 auxiliares, 42 celadores e 8 auxiliares de información). Ao cruzar a porta acristalada hai tres postos de triaje, onde se filtra a entrada. Salvo o enfermo moi moi grave, que fai que se deixe calquera cousa para asistilo e pasa directamente a un dos seis postos de críticos con ventilación mecánica, en Urxencias non se atende por orde de chegada. Non. É a prioridade, marcada por cores segundo o sistema Manchester (vermello, laranxa, amarelo, verde e azul), a que establece a quenda para ser visto polo médico. Por gravidade, obviamente, e tamén por grao de dor.

«Polo menos o 20 % dos pacientes non terían que chegar ata aquí», confirman os médicos. Pero fano. Dentro, cinco consultas, vinte boxes individuais, outro para cinco enfermos, dous para axitados, e tres áreas de observación: unha con 64 postos (48 camas e 16 padiolas), outra con 33 (28 cadeiras de brazos e 5 padiolas) e unha polivalente (15 padiolas con acompañante). Todos e todo para axudar a cantos lles urxe atopar alivio. Sen parar.