«Este ano somos o centro galego con máis internos que estiveron entre os mil mellores de España»

A. p. / a. a. A Coruña / LA VOZ

A Coruña

Jaime Tenreiro
Jaime Tenreiro JAIME TENREIRO

16 ago 2018 . Actualizado ás 10:29 h.

Todos os anos o Chuac recibe decenas de alumnos que elixen o centro para formarse como médicos ou para realizar a súa residencia e especializarse. O centro coruñés acaba de conseguir dúas prazas máis para o mir en Medicina de Familia -pasando de 18 a 20 - e están en proceso de poder aumentar unha máis na especialidade de Pediatría. Rosario López Rico é a presidenta de docencia do Chuac. Dous días á semana dedica o seu tempo a exercer as tarefas propias dunha xefa de estudos.

-O Chuac é un centro moi requirido polos mir?

-Sin duda. Neste último ano fomos o centro galego que tivo máis prazas por baixo de mil, é dicir, que foi elixido por moitos internos que estiveron entre os mil primeiros no exame mir de toda España.

-É tamén o centro que recibe máis alumnos de último curso do grao de Medicina , por amais do Chus, con 106, e Vigo, con 85.

-Si. Pasamos de ter estudantes de xeito anecdótico a que este ano vaiamos recibir 126 alumnos de sexto de Medicina .

-E residentes, cantos hai no Chuac?

-Este ano temos un total de 322, repartidos nas diferentes especialidades e centros da área sanitaria.

-Por que é o Chuac un dos máis solicitados?

-Contamos cun Centro Tecnolóxico de Formación con características case únicas en todo o territorio nacional. Nel os residentes cirúrxicos teñen moita formación porque teñen a posibilidade de realizar moitas simulacións.

-Os alumnos de último curso de Medicina conviven cos residentes?

-Si, eles incorpóranse tamén á actividade do hospital. Queremos que se sintan parte del.