José Antonio Freire: «A min empezoume cun punto vermello nun pé»

D. s. A Coruña / LA VOZ

A Coruña

ANXO MANSO

Os corticoides devolvéronlle á normalidade en seis meses

04 jun 2018 . Actualizado ás 11:11 h.

«Empezoume a doer a planta do pé dereito, tiña picor e un puntiño vermello», explica José Antonio Freire, veciño de Betanzos de 41 anos. Cando aumentou a dor, foi ao médico de cabeceira. Pensou que era unha infección e tampouco se asustou demasiado cando empezou a incharlle o nocello. «¡Pero é que despois se me inchou o outro!», exclama. Así que se plantou en Urxencias do Chuac. Levaba entón dous meses sufrindo, lembra agora, cinco anos despois do descubrimento dun nome que ata entón non oíra.

A enfermidade habíalle ido gañando terreo nas articulacións, complicándolle cousas tan básicas como calzarse. «Estiven unha semana case sen poder camiñar, non era capaz de moverme só ao baño», explica este home que traballa entre flores nun viveiro de Irixoa e que necesita estar «de dez a doce horas de pé».

Naqueles momentos, «pásalo mal, e iso que son bastante tranquilo, pero non sabía que era a sarcoidosis e tiña medo de que fose unha enfermidade dexenerativa», explica. Aquel mal descoñecido ata entón o levou a ingresar e, como a tantos outros, os corticoides devolvéronlle á normalidade en seis meses. E desde entón, nunca máis. «Tiven sorte, estaba a empezarme a afectar a un pulmón; o importante -insiste- é que cha detecten rápido. No meu caso foi así». Agora, confesa vivir con certa incerteza: «Cruzo os dedos para que non volva». A Fernando Varela Velo , que hoxe coordina a asociación de enfermos, non se lle foi. Descubriu que a sufría de forma casual hai 17 anos. «Caín na praia xogando ao fútbol e fíxenme dano nun brazo. Na placa viron que no ombro non tiña nada, pero había algo no pulmón». Deixou de fumar. Estivo catro anos sen síntomas ata que chegou o momento en que «o atranco xa era considerable» e comezaron a medicalo. Seguiu traballando ata o 2014. «O peor é a fatiga, cústame subir escaleiras, pero hai xente que non poden levantar un dedo, viven as 24 horas con osíxeno, case non poden andar ou perden vista», consólase mentres reclama, sobre todo, investigación.