Escenarios de película na comarca coruñesa

A Coruña

Non dispoñible

Praias, montes, canteiras e case todas as casas de turismo rural da comarca coruñesa foron escenario de numerosos títulos cinematográficos que quedarán para sempre gravados na memoria visual dos espectadores. Somos un estudio ao aire libre perfecto para os guionistas

19 mares 2018 . Actualizado ás 10:09 h.

«Eu, é ver unha canteira abandonada e xa me imaxino nela unha escena de acción». Quen fala é Silvia Mosquera, responsable das localizacións nas series Serramoura e Matalabos, que emite a Televisión de Galicia. «Hai pouco fomos a gravar a Chelo (Betanzos) e, de camiño, pola zona dos Caneiros, vimos un edificio abandonado. Foi velo e pensar en avisar aos guionistas: Matar a un personaxe aquí ten que ser xenial», chancea a responsable de produción nos proxectos máis premiados de Voz Audiovisual. Montes, lagos, encoros, casas ruinosas, residencias de maiores, igrexas, restaurantes e case todos os establecementos de turismo rural da nosa comarca serviron como estudio real para as máis variadas escenas de todo tipo de series e películas

Incluso a toponimia local dá para moito. Non en balde, a serie Viradeira desenvólvese nun lugar chamado Dorneda, que en realidade é Mugardos. Pero é que en Matalobos , o ficticio Sardiñeira é Mera. E os cantís do oleirense parque das Galeras dan a benvida ao espectador da película O Descoñecido, -con Luis Tosar e Goya Toledo como protagonistas- xusto antes de que arranque a angustiosa viaxe en coche pola avenida de Alfonso Molina.

Tamén a capital herculina quedou retratada nun filme de Óscar. Mar Dentro, de Alejandro Amenábar, contén varias escenas rodadas na praza de Galicia e no parque de Santa Margarita . Por non falar do bosque animado, de Jose Luis Corda. As tomas para a película realizáronse en parte en Sobrado e non na fraga de Cecebre, que é onde Wenceslao Fernández Flórez situou a historia. Os encargados da localización de exteriores percorreron máis de 2.000 quilómetros durante meses por terras de Galicia ata dar co marco ideal. 

O mellor asesor, un maderista

Escenas de aquí, topónimos locais e ata personaxes. Contan os responsables de Serramoura que para eles nada sería o mesmo sen Felipe Patiño, un maderista de Carral que se converteu en peza crave para a gravación da serie, xa que talla a demanda do guion e da rodaxe. Faláronlles del os donos dun serradoiro onde se documentaron na primeira tempada e, desde entón, este home axúdalles a realizar as localizacións de montes e mesmo manda operarios da súa empresa para que se poñan a cortar árbores en plena rodaxe. A súa empresa, Madeiras Patiño, representa a toda unha estirpe de madereiros na comarca; profesionais que nunca pensaron que acabarían traballando no sector audiovisual. «Tocoume unha cousa preciosa e é moi fácil de facer. Querían a alguén que andara nos montes para que lles ensinase os sitios e lles explicase como funcionaba isto, porque estaban bastante verdes. Chegaron a vir ata con espadas. Eu díxenlles: ''Aquí hachas, cuñas, mazas…''», comenta, con sorna, Felipe Patiño. Pero agora o equipo hase posto tan ao día do tema que «cando rematen a serie algún pode vir a traballar para aquí. Agora xa coñecen as árbores e coñecen todo. Saben como hai que talar, por onde e todo. Aprenden rápido, ja, ja...». Felipe o maderista confésase seguidor da serie e, aínda que el nunca saíu en pantalla, mantense como asesor alén da cámara. Por certo, o serradoiro que aparece na serie galardoada de novo como a mellor do ano nos Premios Mestre Mateo, é o dos irmáns García Rocha, en Oza-Cesura. A empresa, que leva máis de 50 anos transformando as mellores madeiras de Galicia, serviu como escenario real para Serramoura, ficción televisiva que se gravou, serradoiro e montes á parte, en Pastoriza (Arteixo). 

Por ter tamén temos un cura, o pai Casares, cuxas escenas fan tanta graza como a que ten a súa alter ego: O pai Jose Carlos Alonso, párroco de Santa Eulalia de Liáns (Oleiros), igrexa que na serie da TVG é a mítica Santo Antonio de Louredo. Tamén case todos os exteriores de Matalobos rodáronse en Mera (Oleiros). E acórdanse da vida por diante, que narraba a historia de cinco mulleres unidas polo naufraxio dous seus homes? Pois se rodou na vila mariñeira de Sada , do mesmo xeito que As Leis de Celavella nas prazas e rúas de Betanzos ou a TVmovie Vacas, porcos e zapatos de tacón, rodada en Aranga . Non en balde, José Sellier rodou en 1897 aquí, na Coruña, a que se considera a primeira película do cine español.