Oleiros adecuará as caballerizas do pazo de Lóngora para a biblioteca do Ceida

Elena Silveira
Elena Silveira OLEIROS / LA VOZ

A Coruña

Cedida

O goberno local pediu á Deputación unha axuda de 100.000 euros para as obras

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O goberno local de Oleiros anunciou o inverno pasado a súa intención de trasladar canto antes o museo Kaydeda ao castelo de Santa Cruz, onde tamén se concentrarán todos os servizos e a maior parte das actividades turísticas que organiza o Concello. O proxecto, que se ía facer efectivo tras o verán, terá que agardar algo máis, xa que primeiro será necesario deixar libre a planta baixa do castelo de Santa Cruz e levar todos os fondos documentais do Ceida, que ten alí a súa sede, ao pazo de Lóngora, en Liáns. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, confirmou que o goberno local solicitou á Deputación unha subvención de 100.000 euros para poder adecuar as antigas caballerizas do pazo e situar nelas a biblioteca do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida). «En canto nos confirmen a concesión da axuda poderemos iniciar as obras», indicou.

Pola súa banda, o director do Ceida, Carlos Vales, confirmou que o proxecto xa está rematado e que tan só faltaría conseguir o financiamento para abordar a transformación das caballerizas en biblioteca e trasladar alí os fondos documentais da entidade. «É un centro ambiental especializado, polo que a documentación é sobre todo relativa a educación ambiental, a conservación da natureza e a sustentabilidade, ademais de toda a bibliografía sobre a xestión do medio ambiente. Os tipos de fondos son variados, con libros, revistas especializadas, fondos dixitais, cartografía e cartelería, ademais de documentación gris, que son estudos técnicos non publicados pero que teñen un especial valor e son interesantes debido á información que aportan», explicou. Xa só en monografías teñen máis de 7.000 volumes.

Seguirá en Santa Cruz

Carlos Vales aclarou que ao pazo de Lóngora tan só se trasladará o centro de documentación, pero que o Ceida seguirá tendo a súa sede e oficinas principais nas instalacións da illa de Santa Cruz: «Na planta superior hai despachos, aulas e un salón de actos, polo que poden seguir utilizándose. O que quedará libre será a planta baixa do castelo», indicou.

O director do Ceida confirmou tamén que o proxecto para transformar as caballerizas do pazo de Lóngora conta co visto e prace e o consenso dos responsables do Concello de Oleiros, que é o titular das instalacións, da Xunta, do Ceida e da Universidade da Coruña. O director da escola de Arquitectura, Fernando Agrasar, é quen realizou este anteproxecto, liderando un equipo no que tamén participaron Luz Paz Agras e Marta Marcos Maroño. «Hai doce anos encargáronme a rehabilitación das caballerizas, que estaban en ruínas. O proxecto de agora farase en dúas fases. Na primeira adecuarase o edificio existente para acoller os fondos bibliográficos e como salga de consulta e, nunha segunda fase, abordarase a construción dun anexo», explicou o arquitecto Fernando Agrasar. O director do Ceida indicou que cando se execute o proxecto completo, as antigas caballerizas triplicarán a capacidade actual que hai no castelo de Santa Cruz. «O proxecto está pensado para ter no futuro unha capacidade tres veces maior á actual», indicou.