O preludio da revolución: a crise das subsistencias

Xosé Alfeirán

A Coruña

As protestas obreiras aumentaron desde finais de 1916 debido á carestía da vida pola Gran Guerra

16 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A subversión estendíase por Europa. O 8 de marzo de 1917 (23 de febreiro segundo o calendario ruso) comezaron as protestas en San Petersburgo. Sete días despois, o 15, o tsar Nicolás II abdicaba, caía a monarquía e instaurábase en Rusia unha república parlamentaria que non acougaría as ansias revolucionarias das masas. No transfondo do malestar estaban os sacrificios impostos por causa da Gran Guerra iniciada en 1914. Nos países contendentes, a maioría dos europeos, a guerra absorbía a case totalidade dos seus recursos, miles de combatentes morrían nas frontes e os civís padecían unha crecente privación de bens e alimentos. Nos neutrais as protestas estendéronse debido á carestía e inflación. O esforzo bélico ameazaba con trastornar a orde establecida.

En España, que era neutral, a axitación social e política foise incrementando en paralelo ao desenvolvemento da Gran Guerra. Desde o comezo do conflito, as necesidades dos belixerantes xeraron un forte aumento das exportacións que produciron grandes e crecentes beneficios empresariais, enriquecendo a unha minoría. Pero ao mesmo tempo causaron un desabastecemento do mercado interno e unha constante alza de prezos. Como os salarios non subiron ao mesmo ritmo, o nivel de vida da poboación descendeu provocando a multiplicación das folgas e a confluencia de acción de socialistas e anarquistas.

Xa a finais de 1916 os sindicatos UGT e CNT convocaron un paro xeral de 24 horas en toda España como protesta contra a subida das subsistencias, a falta de traballo e a pasividade do Goberno. O paro xeral realizouse 18 de decembro e foi un éxito, mostrando o poder do proletariado organizado.

A folga

Na Coruña, segundo a prensa local, non se lembraba ningún outro paro tan unánime. Non se traballou nas fábricas, talleres e obras, non circularon tranvías, coches de punto e carros de transporte, non se publicaron os xornais, pecharon os mercados, tendas, comercios e oficinas, os campesiños dos arredores non viñeron vender os seus froitos á cidade e o porto quedou inmobilizado. Só abriron cafés, cines e farmacias e traballaron, previo acordo, os obreiros da fábrica de gas e electricidade. Non houbo incidentes.

A pesar das protestas, a situación non mellorou, senón que se agravou a comezos de 1917 pola acción dos submarinos alemáns que entorpeceron todo o tráfico comercial no Atlántico. O descontento obreiro agudizouse. E, no medio do desasosego provocado polas noticias que se recibían de Rusia, a UGT e CNT acordaron o 27 de marzo empregar a folga xeral, sen prazo definido de terminación, para obrigar ás clases dominantes a realizar os cambios necesarios do sistema que garantisen ao pobo unha vida decorosa. A partir dese día debían laborar para a súa organización e éxito. O Goberno reaccionou suspendendo as garantías constitucionais, establecendo a censura de prensa e clausurando todas as sociedades obreiras. Nada sucedeu, pero a ameaza persistía. Continuará.