Rafael Matesanz cualifica a Galicia como o «motor das doazóns de España»

Fernando Molezún A Coruña / LA VOZ

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

O presidente da ONT anunciou un incremento de case un 8 % en transplantes na reunión nacional que acolle Palexco

08 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Palexco acolle desde onte a Reunión Nacional de Coordinadores de Transplantes, que na súa edición número 30 chega á cidade para conmemorar que o pasado mes de febreiro o Chuac chegou ao seu transplante número 5.000. Onte tivo lugar a inauguración do evento coa presenza de Rafael Matesanz, director da Organización Nacional de Transplantes (ONT), que compareceu ante os medios acompañado por Antón Fernández, coordinador da Oficina de Transplantes do Chuac, e Jacinto Sánchez, coordinador autonómico de transplantes.

Matesanz cualificou á coordinación autonómica e de cada centro hospitalario como a columna vertebral do noso sistema de transplantes «que permitiu que España estea á cabeza do mundo en materia de doazóns desde hai 23 anos», e matizou que neste congreso se decidirán as liñas de actuación orientadas «a manternos nese liderado, do que Galicia é, sin duda, un dos motores».

As cifras falan por si soas. No que vai de ano en España realizáronse 3.442 transplantes, o que supón un aumento dun 7,8 % respecto ao mesmo período do ano anterior, «é dicir, máis de 250 pacientes que o exercicio anterior, que xa foi de cifras marca», segundo datos achegados por Matesanz. E en Galicia o aumento aínda foi aínda maior, dun 14 %, un crecemento debido sobre todo ao transplante de pulmón, que aumentou nun 50 %.

Unha das liñas é a doazón en parada cardíaca, que segue sendo a fundamental vía de doazón de órganos, xunto á doazón en vivo, que en relación co pasado ano ha crecido nun 70 %, o que supuxo no que vai de exercicio, uns 80 doantes máis, segundo afirmou Rafael Matesanz.

As doazóns en España creceron no que vai de ano un 9 %, «o que pon de manifesto que é máis que probable que acabemos o ano en cifras marca, xa que o 2014 acabámolo con 36 doantes por millón, o que xa foi a cifra máxima conseguida no noso país, pero confío en que este o pecharemos con entre 38 e 40, o que era un obxectivo fixado para o 2020», asegurou Matesanz, que destacou tamén as cifras de transplantes en comparación co pasado ano: «Ril aumentou nun 6,8 %, fígado un 9,7 %, corazón un 7,5 %, pulmón 4,1 %, páncreas 29 % e intestino, que é o que menos se fai, tivo un incremento do 120 %», asegurou.

Matesanz resaltou tamén a importancia da colaboración cos médicos de urxencias, «porque sempre houbo un gran control do que ocorría en Coidados Intensivos, pero desde fai un par de anos estendeuse a urxencias, o que nos permitiu crecer en todo tipo de doazóns», afirmou o director da ONT. Isto supuxo unha actualización do sistema de doazón ante o cambio de circunstancias, xa que, segundo afirmou Matesanz, «o número de doantes por accidente de tráfico descendeu enormemente ata o 4 %, cando nos anos oitenta era practicamente a metade».