O Festival Sorrías Baixas 2025 alóngase e promete catro días de pura música en Bueu

Cun cartel cheo de variedade e calidade musical, celebra ao grande a marca de asistencia e convértese nun dos festivais imprescindibles do verán galego
O Festival Sorrías Baixas regresa este 2025 a Bueu (Pontevedra) máis forte que nunca e celebrando ao grande a súa 22ª edición tras bater marcas de asistencia no pasado 2024. Este ano, ademais, faio crecendo: por primeira vez o festival estenderase durante catro xornadas completas, do 31 de xullo ao 3 de agosto.
Fiel á súa esencia, Sorrías Baixas volve apostar por un cartel ecléctico, refrescante e cargado de propostas variadas que reflicten a diversidade musical actual. Non casa cun só estilo, pero si coa calidade e a enerxía que ano tras ano o consolidaron como un dos festivais imprescindibles do verán galego.
A cita arrincará o xoves 31 de xullo cun regreso moi agardado: A Raíz volve aos escenarios onde dixeron “volveremos ver” en 2018 para cumprir a súa promesa co seu público. Acompañaranos os sempre festivos Canteca de Macao, os contaxiosos Muyayo Rif e o galego Baiuca, que volverá pór en valor a mestura de tradición e vangarda.
O venres 1 de agosto estará encabezado por un dos artistas do momento, Sen Senra, que continúa rompendo moldes co seu son urbano e íntimo. Tamén chegarán a Bueu os imprescindibles Carolina Durante, con novo disco debaixo do brazo, ademais de Shego, Cariño, Grande Amore, Luis Fercán e Melifluo, xunto ás sesións de DJ de Juancasupersub e Eme DJ.
O sábado será unha xornada para vibrar coas novas correntes musicais: o produtor e artista Alizzz presentará os seus dous discos como solista; Judeline demostrará por que é unha das voces máis prometedoras; e o folk experimental de Mestre Espada sorprenderá a máis dun. Delaporte, The Rapants, Griso e Capital Voskov completarán un sábado onde o baile está garantido.
Como novidade este 2025, Sorrías Baixas tamén terá un domingo de peche, protagonizada por Dani Fernández, un dos grandes nomes do pop español actual, e xunto ao que completarán a xornada de peche Carlos Ares, Nena Polaca, Marlena, Meniña Daconte, Pipiolas e o set final de NDLR, para acabar a edición ao grande.
Os abonos completos de catro días están dispoñibles desde 107,8 € euros na web oficial do festival, así como as entradas de día e opción a incluír zona de acampada. Sorrías Baixas é un festival promovido por PlayPlan, en colaboración do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia, mediante Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento conta, ademais, co apoio dO Águila e Johnnie Walker, e Los40 é a súa emisor oficial.
Todo listo, por tanto, para gozar este verán de catro días cheos de boa música, amigos, e momentos inesquecibles nun enclave único das Rías Baixas.
