A crónica do luns 22 de outubro, nun minuto

S. C.

CLAVES

A data da decisión do Supremo sobre os gastos hipotecarios, o «Govern paralelo» de Torra e Puigdemont, as condenas dos directivos de bancos pola trama das 5 Xotas e outras noticias que deberías saber a tal hora

22 oct 2018 . Actualizado ás 21:08 h.

Foi noticia

 APRAZADA A DECISIÓN FINAL SOBRE A POLÉMICA SENTENZA

O Supremo xa marcou en vermello unha data no seu calendario. O 5 de novembro será o día no que o alto tribunal poña punto e final a todo o envurullo das hipotecas decidindo quen ten que pagar o polémico imposto. Despois de que a semana pasada ditase sentenza para desdicirse 24 horas despois, o presidente da institución reuniuse de urxencia este luns co da Sala Terceira e cos xuíces que ditaron a controvertida sentenza para facer balance dos danos. Os bancos, pola súa banda, proseguen coa firma de préstamos, a pesar de que a maioría retiraron das súas páxinas web a información referente ás hipotecas. 

O «GOVERN PARALELO» DE TORRA E PUIGDEMONT

Torra e Puigdemont abriron en Waterloo o pano do novo episodio do independentismo. Xunto con Toni Comín, nun intento de demostrar que as relacións entre ERC e PDeCat son en grao sumo cordial, expresidente e presidente presentaron o seu novo organismo. Bautizado como o Consell da República, esta especie de Govern paralelo con sede en Bélxica será presentado en sociedade o próximo 30 de outubro en Barcelona. Ata esa data, non darán ningún detalle do funcionamento ou a composición; hai que manter o interese. Aínda queda traballo por diante. Antes do 30 de outubro teñen que conseguir convencer a CUP, que se desvinculou de xeito tallante desta iniciativa. Mesmo abriron a porta a deixar baleiros os escanos da súa formación no Parlament. 

As CONDENAS DOS RESPONSABLES DA MAIOR TRAMA DE FRAUDE FISCAL DE GALICIA

Tras máis de 80 xuízos, varias condenas e mesmo unha fuga de dous anos, o cerebro das 5 Xotas, José Manuel Costas (o xefe da trama de fraude fiscal máis importante destapada en Galicia), volvía aos tribunais de Vigo. O carpinteiro vigués comparecía no xuízo no que se procesaba a once directivos e empregados de catro bancos que, supostamente, axudaron á rede a cobrar facturas falsas e sacar dez millóns de euros para devolvelos logo en negro ás mesmas empresas ás que facturaba. Cinco dos procesados declaráronse culpables do delito de falsidade continuada en documento mercantil. A cambio, conseguiron unha redución das súas condenas de dous anos e medio de cárcere a 9 meses.

A frase do día

Fálase de...

Vacinarse ou non?

Os expertos advirten: a gripe mata a máis xente que os accidentes de tráfico. E para entender a importancia das vacinas, unha cifra: tres cuartas partes dos hospitalizados que faleceron por complicacións derivadas da gripe non se vacinaron.

As contas da sociedade de Pedro Duque

A través dun documento técnico, o ministro de Ciencia demostrou que a través da súa sociedade pagou «máis impostos dos que lle correspondían» e xustificou que nunca «utilizou a sociedade para facturar servizos profesionais prestados por el mesmo».

Aos lectores tamén lles interesou