A proposta galega para deseñar cremas solares con espiñas de peixe recibe un premio internacional

r. r. LA VOZ

CIENCIA

Uvigo

Un grupo da Universidade de Vigo utiliza o fosfato cálcico tratado con láser como filtro solar

11 oct 2019 . Actualizado ás 19:10 h.

A American Ceramic Society concedeu ao Grupo de Aplicacións de Láseres da Universidade de Vigo (LaserOn) o premio á mellor investigación polo seu traballo centrado no desenvolvemento de protectores solares a partir das espiñas do peixe tratadas con láser. A investigación recibiu o Best paper award no Congreso Internacional Materials Science & Tecnology 2019 que se celebra en Portland (Oregon).

O equipo de Vigo probou as posibilidades do uso do fosfato cálcico procedente das espiñas do peixe como compoñente principal dos filtros solares físicos. Trátase dun traballo con enorme potencial, xa que suporía unha alternativa aos compostos que se utilizan tradicionalmente para protexerse das radiacións ultravioletas. «Os compostos máis utilizados nestes momentos, como o dióxido de titanio ou o óxido de zinc, producen radicais libres que aceleran o proceso de envellecemento da pel, pero este non é o caso do fosfato cálcico, un composto estable, moi abundante na natureza -é un dos principais ingredientes dos ósos e os dentes- e que, en combinación con elementos metálicos protexe fronte a un amplo rango de radiación ultravioleta», explica Mohamed Boutinguiza, o director do traballo desde a Universidade de Vigo.

Algúns dos filtros tradicionais tamén supoñen un perigo para o medio ambiente, xa que adoitan impactar no medio mariño, un risco que se evitaría co novo procedemento, máis natural. «Distintos estudos -precisa Boutinguiza- mostraron como a concentración destas sustancias en augas costeiras sofre variacións estacionais, coincidindo os seus máximos nos períodos de vacacións. Tamén se atoparon tanto na auga do mar como nas residuais que chegan ás plantas de tratamento, que son pouco efectivas á hora de eliminar os compostos tradicionais debido ás súas características físicas, polo que, en moitos casos, rematan chegando ao mar».

Expertos en contaminación mariña constataron que compostos como a oxybenzona ou o óxido de zinc afectan os arrecifes de coral, pois a súa presenza produce un efecto coñecido como blanqueamiento, a morte dos organismos que viven en simbioses co coral e que son imprescindibles para a súa supervivencia.

Boutinguiza apunta que o estado de Hawai prohibirá a partir de 2021 a venda e distribución de bronceadores que conteñan oxybenzona e octinoxato pola súa incidencia sobre os corais.