Borja Tosar: «A chegada á Lúa foi o maior desafío da historia»

brais novoa / C. A. A Coruña / LA VOZ

CIENCIA

ANA CANEIRO DACOSTA

O astrofísico ofrece este venres na Casa das Ciencias a charla «Como poñer un señor na lúa»

18 jul 2019 . Actualizado ás 22:56 h.

Hai xa 50 anos que o home chegou á Lúa. O 16 de xullo de 1969, Neil Armstrong, Edwin E. Aldrin Jr. e Michael Collins partiron desde Cabo Kennedy a bordo do Apolo 11 co obxectivo de complementar a misión AS-506. Tras un lanzamento e unha posta en órbita modular, a nave aterrou no Mar da Tranquilidade, e o 21 de xullo ás 2.56 horas, o home pisou por primeira vez o satélite. Seis horas despois da aluaxe, Armstrong abre as comportas: «Un pequeno paso para o home, un gran salto para a humanidade».

A Casa das Ciencias da Coruña rememora a xesta con diferentes actividades, entre as que se atopa a proxección (de luns a domingo, ás 13.00 horas en castelán e ás 19.00 en galego) do documental Lévame á Lúa. Este venres, ás 20.30 horas terá lugar a conferencia Como poñer un señor na lúa, a cargo de Borja Tosar, máster en Astrofísica e Astronomía e máster en Comunicación Científica pola Universidade de Valencia.

 -Cincuenta anos xa da chegada do home á Lúa. Cre que houbo outro fito de semellante envergadura desde entón?

-Non, claramente. Foi o maior desafío na historia da humanidade, non só pola súa complexidade técnica, senón tamén pola cobertura e repercusión mediática que tivo en todo o mundo, e pola influencia que tivo tamén no futuro. Moita da tecnoloxía empregada hoxe en día utilízase grazas aos avances e estudos que levaron a cabo para a expedición, mantas térmicas, cámaras…

-Vídeos, teorías conspirativas... Existe algunha posibilidade de que o home nunca chegase realmente a pisar a superficie lunar?

-É inevitable que nunha sociedade hiperconectada como a de hoxe en día non aparezan este tipo de ideas. Pero aínda que o folklore siga aí, negar a presenza humana na lúa sería como negar a existencia dalgún continente. As probas son contundentes, e nunha misión na que participaron un total de catrocentas miles presentas... sería algo complicado que ninguén se fose da lingua, non?

-Segue existindo esa «febre espacial»? Ese ansia por ser os primeiros, a que se debe?

-Coa chegada á Lúa perdeuse interese espacial: Estados Unidos demostrou o seu poder non só a Rusia, se non ao mundo enteiro. Que máis facía falta? Pero nos últimos cinco anos, este espírito de expedición volveu a renacer, e China álzase xa como unha das principais superpotencias do espazo, de feito pode lanzar xa os seus propios satélites e ata conta cunha estación espacial propia.

-Volveremos á Lúa?

-Sin duda. A NASA comezou xa os estudos e acondicionamentos previos para lanzar o proxecto Artemis, que pretende chegar de novo á Lúa no 2024, e establecer alí unha base permanente estratéxica.