Derbi de altura en Ou Espiñedo

LUIS CONDE LUGO / LA VOZ

CDLUGO

LOF

O Lugo busca o seu primeiro triunfo a domicilio no Carballiño ante o Arenteiro

09 ene 2026 . Actualizado á 20:57 h.

«Buscaremos darlle continuidade ao refacho». Así de claro é o adestrador do Lugo, Yago Iglesias, que busca que o seu equipo logre este sábado (16.15 horas TVG-2) a terceira vitoria consecutiva, que sería, ademais, a primeira a domicilio da tempada, en Ou Espiñedo ante o Arenteiro.

O preparador albivermello alerta do difícil que é superar o cadro do Carballiño no seu feudo. «É un campo moi particular, cunha aura especial, onde a afección aperta e leva aos rivais a situacións límites, afirmou. Ademais, valorou a evolución do conxunto do Carballiño desde a chegada de Jorge Cuesta, sinalando que «sen perder a súa esencia competitiva, agora é un equipo con máis argumentos futbolísticos e variantes tácticas, o que o fai aínda máis complexo de bater».

En canto ao tipo de partido que espera, Iglesias anticipou un duelo de máxima concentración condicionado polo terreo de xogo. «Espiñedo vai condicionar certos automatismos, o balón chega rápido ás áreas e aí hai que estar moi firmes na propia e acertados na contraria. Creo que será un partido no que os detalles e o dominio das áreas marcarán o desenlace», apuntou o adestrador do Lugo.

Cuestionado pola materia pendente de gañar lonxe do Ángel Carro, Iglesias foi claro ao identificar as claves. «Para gañar fóra de casa hai que materializar as poucas ou moitas ocasións que teñas. Estamos a ser un equipo sólido a nivel defensivo, pero necesitamos sacar máis rendemento ás accións ofensivas. Ese é o gran debe para lograr os tres puntos a domicilio» afirmou Yago Iglesias.

A afección albivermella

O Lugo non estará só en Ou Espiñedo. Arrouparano como mínimo 200 afeccionados —foron as entradas que puxo á venda o club albivermello e que se esgotaron nun amén—. O técnico fixo fincapé neste feito. «Sabemos que imos ter un apoio importante, como xa ocorreu noutros desprazamentos. Ese empurre vai axudar en momentos clave do partido para competir mellor», concluíu.

Sobre o mercado —aínda non se anunciou a fichaxe de Costa cando compareceu para a previa do derbi—, Iglesias confirmou que o club está a traballar noutras posicións ademais da de medio. Pero priorizou o choque deste sábado.