O Lugo cae ao pozo de Segunda División 30 partidos despois

I.M.B.

CDLUGO

Óscar Cela

O equipo lucense non ocupaba postos de descenso desde a quinta xornada de liga, cando a derrota en casa ante o Mallorca custoulle o despedimento a Juanfran García

18 abr 2021 . Actualizado ás 20:59 h.

Trece partidos sen gañar e cinco derrotas consecutivas. Velaquí o motivo principal polo que as alarmas soan coma unha bala no Anxo Carro e o Club Deportivo Lugo volve atoparse nunha situación asfixiante que non sufría desde os albores do campionato. A visita do Alcorcón estaba marcada a lume nas contas. Ninguén na contorna branquivermello imaxinaba outro trompazo. Chegara a hora de gañar, de aplacar a angustia e de demostrar que a batalla polo descenso era cousa doutros. Pero o equipo volveu defraudar, a acelerar a súa caída e a arrebatar aínda máis esperanzas a unha afección que comeza a baixar os brazos e a buscar culpables. Trinta xornadas despois, os albivermellos volven ser un dos pasaxeiros do tren con destino á nova categoría de bronce do fútbol español, que a próxima tempada pasará a chamarse Primeira RFEF e reunirá a 40 equipos repartidos en dous grupos.

A derrota ante o Alcorcón por 1-3 meteu ao Lugo no pozo seis meses despois. A última vez que aparecera entre os catros últimos clasificados foi na primeira quincena de outubro, cando a derrota por 0-1 en casa ante o Mallorca na quinta xornada non só empurrou o equipo ata a antepenúltima praza, senón que ademais foi o desencadenamento do despedimento de Juanfran García. Chegou Mehdi Nafti e acabáronse os problemas. Con tres vitorias consecutivas —ante o Castelló, o Xirona e o Logroñés—, o estratego tunisiano sacou ao equipo do barro e mesmo lle ensinou o camiño da promoción de ascenso —era sexto na duodécima xornada—. Con el ao mando o descenso sempre estivo lonxe. Na seguintes 20 xornadas, entre a sexta e a vixésimo sexta, o Lugo nunca caeu máis abaixo da décimo cuarta praza. Fíxoo na vixésimo sétima, despois dunha derrota por 4-1 que impulsou ao club a apostar por outra substitución no banco. Luis César foi o elixido.

Co adestrador de Vilagarcía á fronte, o cadro albivermello aínda non sabe o que é gañar nin descansar na zona de confort de Segunda. Nos seus cinco primeiros encontros o Lugo non se despegou do décimo quinto posto, baixou logo dous banzos e a falta de sete xornadas xa é un claro candidato ao descenso.