A afección non deixa só ao Lugo na súa loita pola permanencia

I.M.B.

CDLUGO

Óscar Cela

Ante o Elxe rexistrouse a segunda mellor entrada do curso e xa se cubriron máis da metade da prazas para a viaxe a Fuenlabrada

12 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Lugo non camiña só na súa cruzada pola permanencia en Segunda División. A afección é a súa aliada. A inchada branquivermella respondeu á chamada de auxilio que lanzou o club nos días previos ao partido ante o Elxe e parece disposta a entregarse e a pór todo da súa parte para contribuír na salvación. A primeira mostra de compromiso ofreceuna nese enfrontamento ante o cadro ilicitano, cando o Anxo Carro rexistrou a segunda mellor entrada da tempada ata o momento: 4.246 espectadores. Só no derbi ante o Dépor (4.537) as bancadas do estadio lucense estiveron máis poboadas. Nos 14 partidos como local do equipo branquivermello, unicamente nestes dous e no do Sporting superouse a barreira dos 4.000 espectadores.

O interese da afección por axudar aos pupilos de Curro Torres tamén se viu reflectido na resposta do plan pensado polo club para a saída a Fuenlabrada. Esíxense un mínimo de 40 reservas para ofrecer o desprazamento gratuíto e 24 horas despois de lanzar a promoción xa se cubriron máis da metade. Se, como parece, leva a cabo a viaxe, que inclúe entradas para o partido a 15 euros, o autocar partiría do Anxo Carro ás 5.00 horas do domingo e regresaría á conclusión do partido. Inscriben ata o venres nas oficinas do estadio.