«Para min é un reto conseguir o obxectivo da permanencia»

CDLUGO

CEDIDA

O Fan afronta con optimismo a súa nova etapa como futbolista do CD Lugo

06 feb 2020 . Actualizado ás 20:21 h.

O CD Lugo presentou no Anxo Carro ao xogador mauritano Moctar Sidi O Fan, que chega procedente do Real Valladolid , equipo no que apenas tivo oportunidades na liga. Si disputou dous partidos de Copa do Rey e outros nove en Segunda B co filial do conxunto castelán.

O futbolista de 22 anos mostrou a súa satisfacción polo feito de fichar polo club lucense, aínda que admitiu que sobre a mesa tiña outras ofertas. «Penseino un pouco porque tiña outros clubs, pero quería quedar en España e Lugo é boa opción», sinala.

Do mesmo xeito que fixo Jaime Seoane, o mauritano tamén agradeceu o recibimento que tivo por parte dos seus compañeiros e do cadro técnico. Destacou a unidade que hai no vestiario e as ganas que teñen de reverter a situación. «Vexo ao equipo moi motivado e disposto a gañar o domingo. Para min é un reto conseguir o obxectivo da permanencia», engade O Fan.

No apartado individual, o novo xogador da entidade branquivermella espera que esta experiencia lle axude a continuar crecendo como futbolista. «Agardo que o meu paso polo Lugo sírvame para mellorar a nivel persoal e a nivel deportivo», conclúe.

Pola súa banda, o secretario técnico do CD Lugo, Manolo Mandiá, destacou a importancia de contar cun futbolista das características do Fan. «Trátase dun perfil distinto ao que había no persoal. É un xogador de forza e de músculo», comenta o responsable deportivo.

Mandiá entende que con esta fichaxe o equipo queda máis equilibrado e compensado. «Co Fan temos todos os perfís cubertos no medio do campo. É un xogador que ten un físico espectacular, abarca moitísimo campo e á parte xoga ben ao fútbol doado, con bo desprazamento en longo», conclúe.

O novo futbolista mauritano debutou na elite co Levante na tempada 2017-2018. Disputou un partido de copa do Rey ante o Xirona e dous de liga, que foron ante o Athletic e ante o Málaga.