O Xirona é un pesadelo para o Lugo: 5 puntos de 30 posibles

I.MEITÍN BUJÁN

CDLUGO

Miguel García

O equipo catalán endosoulle aos branquivermellos a súa maior goleada (6-0) en Segunda na tempada 2013-2014

04 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Club Deportivo Lugo regresará este domingo ao campo onde sufriu a maior dos seus pesadelos en Segunda División. Ocorreu o 16 de febreiro do 2014. Era a vixésimo sexta xornada do campionato e o cadro branquivermello comparecía en Montilivi como claro favorito. Sumaba 37 puntos, ocupaba postos de promoción de ascenso e ía atoparse cun Xirona que estaba na penúltima praza, pero o desenlace do duelo foi inesperado e desconcertante. Gañaron os de casa por 6-0 na que ata hoxe é a maior goleada encaixada polo conxunto lucense en Segunda División.

Pero hai máis razóns polas que considerar ao equipo catalán como un rival de infaustos recordos entre a inchada branquivermella. O Lugo presenta un saldo moi deficitario nos dez enfrontamentos que disputou contra o Xirona na categoría de prata do fútbol español: 1 vitoria, 2 empates, 7 derrotas, 8 goles a favor e 23 en contra. O seu único triunfo (0-1) produciuse na duodécima xornada da tempada 2015-2016 e materializouno Sergio Marcos, que substituíra a David López no 57, cun gol cando só restaban 10 minutos para a conclusión. Na segunda volta, no Anxo Carro, o duelo rematou con empate a un gol. Adiantouse o Xirona cun tanto de Eloi Amagat (min 33) e empatou Pablo Caballero pouco despois (min 42).

O Lugo tivera que agardar ata o sexto enfrontamento entre ambos para cultivar o seu primeiro resultado positivo. Coincidiu coa xornada final do campionato 2014-2015 e o partido en Montilivi rematou con 1-1, despois de que Sandaza puxese en vantaxe aos locais e Caballero marcase moi preto do final. No resto de enfrontamentos o Lugo sempre se foi sen carga: 1-2 e 4-0 no curso 2012-2013; 1-2 e o mencionado 6-0 na 2013-2014; 1-2 na 2014-2015; e 3-1 e 1-2 na 2016-2017.

Adestramento en Guitiriz

O persoal que goberna Eloy Jiménez descansou onte e hoxe retomará os adestramentos de cara a ese esixente partido en casa dun Xirona que aspira ao ascenso a Primeira División e é quinto clasificado con 28 puntos, sete máis que os branquivermellos. Esta nova sesión de traballo levará a cabo no campo municipal Suso Cruz de Guitiriz e ao termo da mesma comparecerá en roda de presa o defensa José Carlos, unha das novidades no derbi ante o Dépor. O xoves e o venres o persoal xa se exercitará no Ceao, o escenario habitual.