«O fútbol teno na cabeza e non nas pernas»

Tito Ramallo ÁREA TÉCNICA

CDLUGO

ÓSCAR CELA

03 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A lonxevidade deportiva na alta competición na actualidade penso que deixou de ser unha situación excepcional para ir, aos poucos, sendo un feito máis habitual. A educación dos deportistas e os medios ao seu alcance provocan que carreiras que antes tiñan unha duración determinada poidan alongarse no tempo e ser moito máis lonxevas e prolíficas. O fútbol non queda exento desta tendencia xeral no deporte e concretamente no CD Lugo temos un futbolista que aos seus 35 anos atópase entre os 10 xogadores con máis minutos na categoría, Carlos Pita. Cada caso é moi particular e cada futbolista, aínda que pase por elementos comúns neste proceso, ten os seus condicionantes especiais. Neste caso particular poderiamos analizar os seguintes:

• Educación deportiva e moi profesional desde os seus inicios. Sempre destacou pola súa seriedade no traballo e a súa madurez mental.

• Poucas lesións. Outro elemento crítico que pode nesgar e precipitar o fin dunha carreira. Neste aspecto se que tivo algunha pequena lesión, pero puido esquivar sen maiores problemas as mesmas.

• As súas condicións futbolísticas non se basean no aspecto condicional. Isto é un elemento moi importante para que un xogador de fútbol poida manterse máis tempo en activo. Carlos fundamenta o seu fútbol na súa lectura de xogo e a súa capacidade de darlle velocidade sen apenas esforzo. O fútbol teno na cabeza e non nas pernas.

• A aposta nunha idea futbolística con continuidade nun mesmo club. Facilitoulle unha liña de constancia e reafirmación das súas condutas que produciu menos desgaste no seu procesos.

• A ascendencia dentro dun vestiario. Faille gañar unha importancia tan grande no grupo que nos momentos de menos efectividade competitiva nunca desapareza a súa ascendencia sobre o grupo e os sucesivos adestradores conten sempre coa súa participación.

• A mestría deportiva adquirida co tempo ( experiencia ). Ese factor que moitos defenestran e que fan que un xogador con menos condicións que cando era mozo tome mellores decisións debido ao ter maior coñecemento do xogo e as súas limitacións. E polo tanto, o seu rendemento mantéñase no tempo.