O Oviedo-Lugo non é un partido máis para Roberto Canella

DANI CABO / I.M

CDLUGO

CD Lugo

O exsportinguista confiensa que o o duelo do Tartiere é «especial»

21 ago 2019 . Actualizado ás 18:35 h.

O duelo deste sábado que disputarán o Lugo e o Oviedo non será un partido máis para Roberto Canella. O lateral de Xixón, sportinguista desde o berce, xogará o seu primeiro partido oficial contra o seu eterno rival defendendo a camiseta dun equipo diferente ao Sporting. O futbolista de 31 anos xogou o seu primeiro derbi na tempada 2017/2018 obtendo un resultado de empate a un no Molinón. Canella foi titular e completou os 90 minutos. O segundo partido xogouno esa mesma campaña. Na súa primeira visita ao Carlos Tartiere, Canella volveu ser titular e o seu equipo perdeu por 2 a 1.

O agora xogador do CD Lugo aínda non coñece o sabor da vitoria ante os carbayones. A pasada campaña volveu perder na súa visita ao campo oviedista por 2 a 1. No partido de volta, no Molinón, o defensa zurdo non participou nun encontro onde os branquivermellos gañaron o choque pola mínima.

«Para min é un partido diferente, pero ao final o que importa son os puntos e iremos a loitar por traer os tres», sinalou onte na sala de prensa do Anxo Carro. O veterano lateral cualificou ao Oviedo como un rival «moi intenso» e agarda un partido moi complicado.

Ademais, Canella mostrouse con ganas de participar no encontro que se xogará o sábado ás 18.00 horas, no que os branquivermellos debutarán en liga como visitantes. «Estamos preparados e con ganas de facer un bo partido no Tartiere», afirmou.

O ex capitán do Sporting de Xixón sentiuse como en casa desde a súa chegada á cidade e ao equipo de Eloy Jiménez. «Vexo un vestiario moi san e humilde, imos facer grandes cousas. Somos un equipo compacto, con ganas de xogar ao fútbol. Vin cousas boas», dixo.

Canella levou unha gran impresión dos seguidores lucenses no seu primeiro partido no Anxo Carro e asegurou querer facer as cousas ben para que a afección estea contenta. O sábado, Canella buscará lograr a súa primeira vitoria contra o Oviedo sendo parte da aliñación inicial. Todo apunta a que repetirá titularidade defendendo a banda esquerda dos branquivermellos. Carlos Castro, outro ex sportinguista, tamén vivirá unha cita especial.