Fichaxes inminentes para o Lugo

Dani Cabo LUGO

CDLUGO

Carlos Castro

Manolo Mandiá asegurou na presentación de Álex López que hai «operacións preto de pecharse»

20 ago 2019 . Actualizado ás 18:40 h.

O Lugo continúa traballando para pechar o persoal coa competición ligueira xa comezada. Esta mañá foi a quenda de presentar á última fichaxe branquivermella, o mediocentro de 22 anos Álex López, que chega cedido polo Espanyol para apontoar o medio do campo dos de Eloy Jiménez. O catalán apostou forte polo proxecto do Lugo. O mediocentro contaba con varias ofertas, incluída unha da primeira división alemá, máis concretamente desde Colonia, un clásico da categoría que acaba de ascender tras un ano en segunda división.

Con todo, o novo futbolista escolleu vir a Lugo polo ben que a secretaría técnica traballou a operación. Tino Saqués e Manolo Mandiá viaxaron a Barcelona para pechar os últimos flocos co conxunto perico e falar persoalmente co xogador.

O mediocentro catalán tamén tivo a oportunidade de charlar con Eloy Jiménez, feito determinante para acabar xogando no Anxo Carro. «Falei co adestrador e transmitiume unha cousa que a min me gusta moito, e é que foi moi sincero e transparente comigo. Gustoume a idea de xogo e por iso vin aquí», sinalou López.

No seu primeiro contacto coa Segunda División, agárdase que Álex López explote como futbolista vestindo a camiseta lucense e axude ao equipo a conseguir os obxectivos marcados. «É un xogador que pode marcar unha época no Espanyol», sentenciou Manolo Mandiá antes de agradecer ao conxunto catalán e ao representante do mediocentro as facilidades concedidas.

Álex López xa se adestrou cos seus compañeiros. «Tratáronme moi ben. Parece un grupo moi san», indicou. Outro dos alicientes para a que o de Tarrasa tomase a decisión foi o consello de dous xogadores da terra, Diego López e Borja Iglesias , compañeiros no Espanyol. «Animáronme a que viñese. Non creo que sexa un paso atrás. Vou traballar para cumprir os obxectivos».

Chegada inminente de fichaxes

O director deportivo lucense, Manolo Mandiá, confirmou a inminente chegada de máis reforzos para completar o equipo. «Hai operacións que están moi preto de pecharse. Aínda que estas cousas xa se sabe que poden torcerse, si que entendo que hai algunha operación bastante preto», comentou Mandiá. 

O club móstrase precavido á hora de traer xogadores, o mercado móvese lento e as opcións do Lugo son limitadas a pesar de cotejar toda clase de futbolistas, desde Segunda B a Primeira División. «O que temos moi claro é que non imos fichar por fichar, se o xogador nos convence e encaixa economicamente farémolo», dixo o director deportivo.

Desde o club seguen tendo claro que postos que necesitan ser reforzados: o eixo da zaga e o extremo esquerdo. No caso da posición de central, deberían chegar dous futbolistas para cubrir a debilitada zona. Actualmente, Eloy Jiménez só conta con Pita e José Carlos para a posición.

Con respecto á posición de extremo esquerdo, o futbolista elixido segue sendo unha incógnita. Juan Hernández, do Celta de Vigo, soou con moita forza e foi cualificado como un «futurible» por parte do propio Mandiá. A operación non se chegou a pechar e o estado físico do zurdo xera moitas dúbidas en terras lucenses. O seu xeonllo non deixa de dar problemas tras a grave lesión sufrida o curso pasado e mañá será sometido a unha artroscopia.

A chegada de xogadores parece próxima e nas próximas horas podería anunciarse de xeito oficial a fichaxe dalgún futbolista, que, mesmo, podería estar presente na convocatoria de Eloy Jiménez para o próximo partido de liga ante o Oviedo.