Eloy Jiménez chega ao Lugo con guindo: «Encántanme estes retos»

I.MEITIÍN BUJÁN

CDLUGO

Óscar Cela

Tino Saqués, o presidente do club, define ao novo técnico como «un gran motivador» e xustifica con números a destitución de Alberto Monteagudo

22 abr 2019 . Actualizado ás 17:06 h.

O persoal do Club Deportivo Lugo xa traballa ás ordes de Eloy Jiménez (Hellín-Albacete, 1971). O novo preparador branquivermello afronta a súa primeira experiencia en Segunda División xunto ao seu inseparable axudante Jonathan Moreno e sen medo algún ao esixente desafío que ten por diante. Asúmeo con guindo. «Encántanme estes retos», deixou claro na súa presentación oficial este luns horas antes de pórse ao choio e dirixir a primeira sesión de adestramento. Exentrenador do Hellín, Conquense, A Roda, UCAM Murcia, Mérida e Fuenlabrada, a nova aposta de Tino Saqués para o banco aterra no Anxo Carro disposto a «potenciar as virtudes e corrixir os defectos» dun equipo lucense que na última xornada caeu aos postos de descenso e ao que pedirá «maior contundencia defensiva».

Secundado e arroupado polo presidente e o director deportivo, Manolo Mandiá, o flamante patrón albivermello recoñeceu na súa posta de longo a necesidade de sumar vitorias «desde xa» e declarouse optimista acerca das posibilidades de investir a situación e permanecer unha tempada máis en Segunda. «Estou preparado para un reto que é importante e difícil, pero que imos conseguir. Vexo ao equipo moi capacitado. Coñezo o persoal e se non crese nestes xogadores non estaría aquí», manifestou Eloy Jiménez, que chega sen un esquema predeterminado e decidido a tapar as vías de auga que afundiron ao Lugo. «Procuramos adaptarnos ao perfil dos xogadores que temos. Os equipos teñen que ser equilibrados, defender todos e ser atrevidos en ataque. Gústame que os meus equipos dominen todas as facetas do xogo», explicou.

Tino Saqués fixo de mestre de cerimonias na sala de prensa do Anxo Carro. Presentou ao novo míster como «un gran motivador» e un experto en situacións de urxencia. «Esta acostumado a este tipo de retos», destacou o presidente, que pechou o acto expondo os motivos que propiciaron o despedimento de Monteagudo: «Coa media de puntos que levabamos non chegaba para a permanencia, e cando os números non dan non queda outra que manobrar», explicou o mandamáis do club.