Os retos multiplícanselle ao Lugo no pulso co Granada

I.MEITIÍN BUJÁN

CDLUGO

Óscar Cela

Aspira a enlazar dúas vitorias consecutivas por primeira vez na Liga a costa do equipo con mellor defensa a domicilio

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao Club Deportivo Lugo amontóanselle os desafíos no partido ante o Granada (mañá, 16.00 horas. Anxo Carro). Ao feito de non ter logrado aínda vitorias ante os dez primeiros clasificados hai que engadir a súa imposibilidade ata o momento de enlazar dúas vitorias consecutivos no campionato de liga. Un par de maleficios que aspira a romper na trixésimo quinta xornada, ao abrigo do seu público e fronte a un adversario con galóns que loita na guerra polo ascenso e ao que os números sinalan como o mellor defensor nos partidos a domicilio.

Terceiro na clasificación con 61 puntos, os mesmos que o Albacete, que é segundo, o cadro granadino leva encaixados só 13 goles nos seus 17 compromisos como visitante, nos que cultivou 7 vitorias, 5 empates e 5 derrotas; venceu a Estremadura (1-3), Reus (1-2), Zaragoza (0-2), Málaga (0-1), Nástic (0-1), Córdoba (1-2) e Raio Majadahonda (0-3), empatou co Elxe (0-0), As Palmas (2-2), Tenerife (1-1), Cádiz (0-0) e Almería (0-0), e volveu a casa derrotado ante o Deportivo (2-1), Alcorcón (1-0), Osasuna (1-0), Numancia (1-0) e Sporting (1-0).

«Fixo moi ben as cousas durante o ano e por iso está onde está, gañoullo. Pero nós sabemos que podemos facerlle cóxegas e iso é a polo que iremos», sinalou o preparador lucense, Alberto Monteagudo, que, ademais os lesionados, tamén podería ter que prescindir de Iriome polo falecemento do seu pai. O futbolista tinerfeño viaxou á súa terra e o seu concurso no partido é unha incógnita. O estratego albivermello podería apostar pola mesma aliñación e estratexia que tan bo resultado lle deron no partido no campo do Córdoba, que enxalzou «por facelo ante un rival directo, por deixar a portería a cero e polos goleadores que suman xornadas seguidas anotando». «Agora hai que darlle continuidade en casa, queremos lograr eses bos resultados no Anxo Carro, onde temos que facernos fortes», engadiu o preparador do Lugo.