As cen «x» do Lugo en Segunda

La Voz

CDLUGO

SERGIO REYES

En Alcorcón acadou a centena de empates nos 322 partidos que disputou na categoría de prata

03 abr 2019 . Actualizado ás 13:41 h.

A igualada sen goles no campo do Alcorcón non só serviu ao Club Deportivo Lugo para dar outro pequeno paso cara á permanencia. Co resultado acadou unha cifra redonda e histórica (100) de empates en Segunda División, onde acumula un total de 322 partidos a falta de só 10 xornadas para completar a súa oitava tempada.

Tras o partido no estadio de Santo Domingo, o equipo branquivermello xa supera o número de empates cultivados nas tempadas 1992-93 (11), 21012-2013 (11) e 2017 -2018 (10), iguala os conseguidos na 2013-2014 (12) e está a só un dos que sumou no mellor curso en canto a clasificación, o 2016-2017 (13), cando concluíu noveno. O seu teito está nos 16 que asinou na liga 2014-2015, a última de Quique Setién no banco e de José Bouso como mandamáis.

Na presente campaña, só catro equipos, Tenerife (16) Deportivo (15), As Palmas (15) e Almería (13), contabilizan máis empates que un Club Deportivo Lugo que está a só catro vitorias de acadar as cen na categoría de prata e que hoxe retoma os adestramentos con vistas ao pulso co Osasuna.