Labazada a un Lugo estelar

Xosé Ramón Penoucos Blanco
X. R. penoucos LUGO / LA VOZ

CDLUGO

Edu Sanz

O Lugo puido golear ao Osasuna e caeu cun gol no último minuto

02 dic 2018 . Actualizado ás 19:19 h.

O Lugo non puido facer nada máis onte en Pamplona para sumar os tres puntos no terreo de xogo dun dos equipos máis fortes en casa da categoría. Os branquivermellos pasáronlles por amais aos navarros durante gran parte do encontro e dispuxeron de numerosas ocasións, tamén algunha moi clara os locais, para levar os tres puntos para rematar perdendo cun gol nun remate mordido de Íñigo Pérez que entrou chorando na portería visitante.

Os pupilos de Alberto Monteagudo despacharon os mellores 45 minutos da tempada nun campo no que ninguén se atreveu a cuestionar a superioridade do Osasuna.

O susto inicial nun remate dos locais que salvou de xeito providencial Juan Carlos foi soamente unha miraxe do aluvión de fútbol vertical e de contragolpe que ían recibir os navarros. Primeiro Herrera en dúas oportunidades, logo Lazo nun un contra un e despois Escriche tamén só ante Rubén marraron ocasións cando facer gol era o máis sinxelo. Seguro que visto o primeiro tempo de onte na Coruña están a preguntarse se o porteiro que defendeu a meta de Riazor é o mesmo que onte salvou o soíño ao seu equipo de perder o partido antes do descanso.

Cunha gran sensación de seguridade e a desazón de non ter sido capaces de transformar en gol ocasiones cantadas para os branquivermellos chegaba o descanso cos osasunistas conscientes de que se salvaron de encaixar varios goles só de xeito milagroso.

Os de Jagoba Arrasate saíron dispostos a cambiar as cousas na continuación, pero o seu empurre apenas lles durou sete minutos, os que precisou para que a banda esquerda dos branquivermellos volvese funcionar e Lazo e Kravets volvesen converterse nun perigo para os osasunistas. As ocasións volveron sucederse, pero os intentos lucenses atopábanse unha e outra vez ou con Rubén ou con remates pouco acertados.

O empurre visitante obrigou aos pamplonicas a modificar o seu esquema, pasando a xogar en casa e ante o estupor do seu público con defensa de cinco. Deste xeito lograron conter en parte as acometidas do Lugo, pero tampouco conseguiron chegar con perigo.

O empate non parecía satisfacer a Monteagudo, que determinou arriscar coa entrada de dous dianteiros frescos en lugar dos outros dous que se baleiraron durante todo o partido e estaban exhaustos. Os cambios serviron para manter a presión, pero non melloraron o acerto rematador, único lunar dos branquivermellos na cita de onte.

No tramo final parecía que o partido se encamiñaba a un desenlace sen goles, pero os osasunistas gozaron da súa mellor ocasión nun remate de socato que salvou milagrosamente Juan Carlos.

Nun balón sen aparente perigo que caeu a Íñigo Pérez, que onte reaparecía despois de dous meses, o dianteiro rematouno moi mordido, pero o seu lanzamento entrou mansamente pegado ao pau no que sería o único gol do partido e obrigaba aos branquivermellos a regresar sen carga do que foi con diferenza o seu mellor partido da tempada.

Osasuna: 1 ?Rubén, Oier, Fran Mérida, Aridane (Íñigo Pérez, min. 45), C. Clerc, R. Torres, Rubén García, Unai García, Lillo, Juan Villar (Xisco, min. 78) e Kike Barja (Nacho Vidal, min. 67). 

Lugo: 0. Juan Carlos, Kravets, Josete, Vieira, Campabadal, Seoane, Azeez, Iriome (Sergio Gil, min. 85), Lazo, Escriche Juan Muñiz, min. 81) e Herrera (Jona Mejía, min. 65). 

Goles: 1-0, min. 89: Íñigo Pérez.

Árbitro: Home Aceitón (Balear). Amoestou a Escriche, Aridane, Kravets, Juan Villar

Incidencias: Encontro disputado no estadio do Reyno de Navarra de Pamplona ante unha regular asistencia de afeccionados.