As claves para tomar o fortín

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

CDLUGO

ÓSCAR CELA

Osasuna non perdeu aínda no Sadar, onde comparece o Lugo mañá

01 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Osasuna non sabe aínda o que é perder en casa. Consumidas 15 xornadas en Segunda División, quedan outros seis estadios nos que ningún equipo conseguiu rascar os tres puntos: Carlos Belmonte (Albacete), Molinón (Sporting), o Gran Canaria (As Palmas), Riazor (Deportivo), Santo Domingo (Alcorcón) e A Rosaleda (Málaga). O Lugo visita mañá O Sadar co soño de tomar o fortín, prolongar o seu estado de graza e saír dunha vez da zona baixa.

REFACHO RIVAL

Tres vitorias consecutivas ante os seus

É o que máis impón dos navarros. Un refacho doméstico demoledor na que figuran cinco vitorias e dous empates. «Na súa casa son moi bos e fóra non tan bos, están a perder bastantes puntos», valora Monteagudo. Di o técnico do Lugo que Osasuna «está moi intenso en casa, teñen balón parado, futbolistas de nivel e creo que se fan grandes ante a súa xente».

INTENSIDADE

O que haberá que igualar para ter opcións

Os branquivermellos traballaron esta semana a intensidade e a concentración a conciencia. Dúas claves que destaca o manchego para triunfar en Navarra «e darlle velocidade ao balón, eles inténtano roubar moi rápido. O obxectivo é roubalo rápido cando o perden e nós é intentar telo o máximo posible». Engade Monteagudo que os de Arrasate «van ir a unha intensidade alta e intentamos dar aos xogadores o que se pode facer para superar iso. A primeira, igualar a intensidade. Se iso o conseguimos seguro que temos fútbol e cousas para facerlles dano».

CARLOS PITA

O capitán segue sen estar dispoñible para o Lugo

Parece que Carlos Pita seguirá sendo baixa para Alberto Monteagudo outra semana. O capitán recupérase de problemas nos abdutores, pero as sensacións non son aínda o boas que deberían. «Temos o tema de Carlos Pita, que vai xusto e non queremos equivocarnos e case seguro que non podemos contar con el», declaraba o técnico. Ten ademais as baixas dos lesionados de longa duración: Serge Leuko e Borja San Emeterio. Esta semana recuperou a Vasyl Kravets e parece que tamén Sergio Gil estaría xa ao 100 %

PSICOLOXÍA

Utilizar unha derrota dura en Riazor para atacar

A derrota contra o Dépor é unha arma de dobre fío, «veñen de perder e xogan en casa, é unha motivación tamén para eles o quitar rápido esa derrota. Pero bo, sabémolo, é como cando che din que vas pasar por un sitio e vaiche a caer unha teza, o normal é non pasar. Isto é o mesmo, vas ao Sadar que sabes que é un campo apertado», di Moteagudo.

O GOL

Recuperada a confianza de cara a portería

Seguir carburando gol é determinante se o Lugo quere rascar o triunfo en Navarra. «Traballamos moitísimo outra vez remátelos a portería, a xogada de ataque, pero si que é verdade que para os dianteiros e os xogadores que fan gol como Iri, que entra de segunda liña, para Cristian, para Escriche, Dongou ou Jona, cando empezo a entrar é importante para a súa confianza ter marcado contra o Córdoba. Sobre todo cando a xente empeza a dicir que non temos gol. Témolo e xa o demostramos o outro día e témolo que volver demostrar. Se somos capaces de darlle continuidade rápido, seguro que imos rematar facendo goles e sentíndose ben os xogadores de ataque».

ÍÑIGO PÉREZ

O rival recupera a un futbolista importante polo medio

Íñigo Pérez volve estar dispoñible para Arrasate, que dixo onte que «o normal é que entre na convocatoria». El e Fran Mérida son dúas referencias para Osasuna polo medio e aínda que non coincidiron, o técnico dos navarros asegura que son «diferentes» e «complementarios»: «Fran é máis importante en iniciación cando baixa a recibir, cando é capaz de xerar, de atraer. Íñigo é máis para dar profundidade, para dar eses cambios de orientación». Pérez foi imprescindible no primeiro tramo do campionato e lastroulle unha artrite traumática.