Un bucle de incerteza

Carlos Melchor ALÉN

CDLUGO

LOF

11 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A traxectoria do Lugo é unha autentica montaña rusa. Sen continuidade, sen un patrón estable de xogo recoñecido, falta sin duda un esquema táctico que exprese claramente a que quere xogar o equipo. Tras dous meses de competición aínda non se sabe nin a que xoga nin a que quere xogar. Botando a vista atrás, esa descontinuidade, non só en resultados senón tamén en xogo, é facilmente perceptible. Á remontada milagrosa contra o Numancia seguiulle o ridículo perpetrado no Wanda contra o Raio Majadahonda. Deuse a cara tres días máis tarde cunha vitoria en Copa en Albacete nun encontro intranscendente, para pasar a ser máis tarde un xoguete roto en mans do Real Oviedo na seguinte xornada de Liga .

En plena etapa de dúbidas e incertezas, o conxunto branquivermello asinou o mellor partido da tempada na Romareda e levou os tres puntos contra un Real Zaragoza completamente coas mans atadas polo armazón defensivo lucense, que coas liñas moi xuntas e agardando ao rival no seu campo, saíu á contra xerando un torrente de ocasións que indicaban que ese podería ser o camiño a seguir. Con ese impulso moral e de autoestima presentouse un compacto Mallorca ante un inoperante Lugo que non foi capaz de crear apenas ocasións fronte a un equipo ben traballado e difícil de dobregar. Seguinte parada: Elxe. Tocaría a versión A, a B ou a C? Pois o patrón dicía que probablemente tocaría a versión A, a dun equipo rochoso que maniatase a un conxunto que non fora capaz de conseguir a vitoria nas sete xornadas anteriores. Nova volantazo cun trivote no que Azeez foi o novo e sorpresivo invitado. Jona en casa e o xigante Dongou intentando cazar un dos múltiples balóns directos que evitaban o medio campo. Derrota xusta e máis dúbidas.

O problema é que equipo aínda non posúe acenos de identidade nin trazos propios. 4-4-2 ou 4-3-2-1? 4-1-4-1? Non se sabe. Presión alta e recuperar o balón en campo alleo ou liñas replegadas agardando ao rival? Tampouco se sabe. Xogo combinativo ou xogo directo? Xógase polo centro coas medias puntas ou por fóra coas incorporacións dos laterais? Segue sen verse unha liña estable de mellora e os resultados case parecen máis froito do azar que doutra cousa. E o tempo pasa. Un dato obxectivo ben claro: o Lugo está a protagonizar o peor arranque desde que está nesta competición. Tenerife e Nástic. Non hai que ser agoreiro nin agonías, pero estes dous partidos contra rivais directos do horizonte próximo determinarán o futuro e a posible toma de decisións de gran calado. Porque a inacción só leva á parálise. E a parálise nunca soluciona os problemas. A negación destes é o máis grave erro.