Involucrarse

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

ZAS

04 ago 2021 . Actualizado ás 08:40 h.

Sempre valorei moito á xente que se involucra no seu máis aló do obrigado. Cumprir co debido é digno de aplauso, e dar un paso máis, pois de máis aplausos. Isto é tan amplo que é preciso coutar: falemos só de empregados municipais. Sei de varios técnicos da zona (cultura, turismo, deporte...) que se involucran no seu moito máis do que lle esixe a nómina e o horario. Non teñen por que, claro, pero o compromiso coa súa terra, a súa xente e as ganas de traballar polos demais poden con todo. Isto, por si só, xa é merecente de loas. Claro que se por riba o fan dende o anonimato, sen darse golpes no peito con falsa modestia, reclamar pleitesía, e pensar coma o galo que o día nace porque el canta, daquela xa merecen medalla olímpica, unha destes días. Son xente, en fin, que ama o concello no que traballan.

Como son vello e ando algo por esta comarca de toda a vida sei de varios merecentes destes galardóns. Non quero dar nomes porque iso implicaría deixar algúns fóra (incluídos gobernos locais moi comprometidos, ollo). Tempo haberá. Como excepción, un caso: Tania Carreira. Autora da magnífica exposición sobre Labarta Pose do paseo de Baio, traballo no que moitas horas empregou. Buscadora e localizadora de fervenzas que cada semana atraen a centos de persoas de todas partes (e que comen e gastan por aquí, como me repiten a cotío en certo restaurante). Dignificadora dos solpores do Pico de Meda, aos que tanto lle dedicou. Mergulladora na historia para a documentación que logrou que a Festa da Carballeira sexa de Interese Turístico. Moitas actividades históricas e culturais. E moito máis. Por máis xente así.