Víctor López Seoane, o amigo galego de Darwin que viviu nas Torres do Allo

Marta López CARBALLO / LA VOZ

ZAS

O pazo zasense acolle unha mostra con parte do traballo do naturalista, incluída unha carta recibida en 1882 de Darwin

14 oct 2018 . Actualizado ás 22:04 h.

«Recibín os seus ensaios, máis ultimamente estiven tan ocupado que non puiden lelos. Agardo atopar tempo para poder facelo pronto. [...] Estou encantado con este rexurdir da ciencia en España. Cos meus mellores desexos, permanezo á súa enteira disposición». Isto escribía o científico Charles Darwin en decembro do 1881 para respostar a unha misiva enviada polo naturalista ferrolán Víctor López Seoane, que lle solicitaba información sobre a embrioloxía dos vertebrados.

Esta correspondencia é precisamente unha das pezas máis destacadas da mostra que dende o sábado se exhibe nas Torres do Allo, que durante anos, e tras contraer matrimonio con Francisca Riobóo Álvarez, foi o seu domicilio e escenario das relevantes investigacións científicas. Xunto á copia da misiva: extensas coleccións de animais (foi un importante taxónomo), exemplares conservados en case perfecto estado e parte da súa documentación.

Aínda que formado en filosofía, en máis adiante en medicina, López Seoane tivo sempre un marcado espírito investigador e foi quen de atesourar, ao longo da súa vida, unha das maiores coleccións naturais que se recordan: máis de dez mil pezas, entre animais, minerais e fósiles. Tivo, no seu día, a maior biblioteca especializada da época (na actualidade no instituto Cornide) e formou parte de relevantes sociedades científicas europeas dedicadas ao estudo do medio natural. Varias publicacións súas puideron verse, asimesmo, en prestixiosas revistas internacionais.

E todo iso fíxoo mentres compartía vivenzas nas Torres do Allo, de aí a merecida homenaxe que dende o Concello lle queren render con esta mostra. Fano en colaboración con diferentes entidades, que cederon os materiais: Museo de Historia Natural e o Herbario SANT da USC, os Museos Científicos Coruñeses, o Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide, o Museo do Pobo Galego e a Fundación Charles Darwin. «E dar as grazas, ademais, a Jorge Mira, pola súa colaboración para que isto sexa hoxe unha realidade», dicía onte o tenente de alcalde, Óscar Lema, durante a inauguración, e engadía que o desexo do Concello é «poñer as Torres do Allo no mapa». Referíronse tamén durante a intervención a un dos fitos máis relevantes da carreira do naturalista: a catalogación de varias especies, como o insecto Cebrio seoanei ou a víbora de Seoane (Vipera seoanei), «que de cando en vez se deixa ver aquí», bromeaba onte Lema. O edil de Cultura, Manuel García Velo, fixo referencia a que parte da investigación levada a cabo por Seoane foi posible, precisamente, polo seu emparentamento cos Riobóo.

Ao finalizar a introdución, Lucía Outeiral, unha das guías que compoñen o equipo que traballa habitualmente no pazo, dirixiu unha visita pola exposición.