O Concello de Zas xa completou a información sobre as súas 16 parroquias

La Voz CARBALLO / LA VOZ

ZAS

JOSE MANUEL CASAL

Coa segunda entrega referida a Baio complétase o traballo realizado por Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema

05 oct 2018 . Actualizado ás 13:07 h.

Zas polo Miúdo é unha iniciativa municipal que pon a disposición dos veciños, e de calquera que queira consultar a páxina web, toda a información sobre cada unha das 16 parroquias que compoñen o concello.

Coa segunda entrega referida a Baio complétase o traballo realizado por Evaristo Domínguez Rial e por Xosé María Lema, que se encargaron de recoller os datos.

Tras unha primeira parte na que se falaba de Baio en xeral, abórdanse temas como a cantidade de personaxes destacados que naceron na parroquia, desde o arcebispo Maximino Romero de Lema, ata Enrique Labarta Pose pasando polo xeneral e endocrinólogo Ovidio Vidal Ríos. Os tres personaxes son moi coñecidos para os baieses e para os zasenses en xeral, pero a información que se atopa xa na páxina web do Concello vai máis aló dos nomes máis repetidos. Na lista está Teodoro Morgade, poeta intimista que morreu moi novo, ou Xosé Collazo Martínez, canteiro e poeta emigrado a Buenos Aires. Tamén se poden atopar personaxes cos que se pode cruzar calquera veciño de Baio, como Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago; Ricardo García Mira, deputado no Congreso, ou José Santos, especialista en ciencias da computación e intelixencia artificial.

Dúas igrexas

Así mesmo, ponse de manifesto cuestións curiosas sobre a parroquia, como o feito de que teña dúas igrexas ou a gran cantidade de asociacións de todo tipo que desenvolven a súa actividade en Baio. Evidentemente, entre as informacións figuran numerosas referencias á Festa dá Carballeira e tamén ao Fouciño-Festival de Cinema, ademais da marcha e a historia do Baio.