«Escribir para min é desafogo; a poesía son emocións, sentimentos»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Ana García

GENTES DEL FINIS TERRAE | Maica Pastoriza, de A Piroga, Bamiro (Vimianzo), gañou un bo número de certames e ten versos presentes en diversas publicacións

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Na hora máis calada da noite, que precisamente é o título dun poema que lle mereceu galardón en Padrón, é cando escribe Maica Pastoriza Paz (1969). Natural da Piroga, na parroquia de Bamiro, en Vimianzo, cesa as súas pouco máis de cinco horas de sono diarias para poñerse a escribir a iso das cinco da madrugada. É cando, xeralmente, o mundo dorme, predomina o silencio, non soe haber interrupcións. Pastoriza Paz ten gañado xa un bo número de certames, en Galicia e fóra dela, e vanlle vindo á cabeza a medida que fala. Lémbrase escribindo poesía xa no colexio, aos oito anos («poesía sempre»), e así seguiu moito tempo, mais practicamente ás agachadas. Escribía, tiraba, desfacía.... Foi o seu fillo, Darío Miranda, quen a animou a presentarse a concursos, e así foi que logrou destacar, inicialmente, no certame Mulleres do noso tempo, convocado en Cee. Despois virían outros concursos e, pouco a pouco, foille dando valor ao que facía: a escrita forma parte da súa vida.

Ten unha autora referencial, Rosalía: «Para min é especial, gustaríame moito tela coñecido». A musicalidade, a memoria das cancións, «sobre todo as de antes», é algo que Maica Pastoriza sitúa detrás da súa querenza pola creación en verso, aínda que certamente ten unha técnica moi especial, pois antes de alumear a poesía escribe en prosa, «coma se fose unha carta». Vai tomando nota de todo aquilo que lle vén á cabeza ante unha circunstancia ou ante unha paisaxe e, de aí, extrae os versos. Asegura que, para ela, escribir, a poesía mesma, é unha forma de atoparse, de «desafogo». Coñece que hai versos de moitas temáticas, pero ao seu entender os seus relficten «emocións, sentimentos».

Ana García

Raia Luso Espanhola: colectánea Literatura e Artes; Cultura sem fronteiras; NPG Gazeta, revista de Agrupacións Poéticas de Base ou Poetas do Rencontro: irmandande poética e artística galaico-lusa son títulos de publicacións nos que Pastoriza Paz ten presenza con algúns dos seus poemas, quedando claro esas pontes coa lusofonía, con Portugal: «Traballan moito pola cultura». A pandemia veu a alterar moito este sector, mais axiña verán a luz outros proxectos colectivos nos que está implicada, como Amor en carne viva, da editorial Medulia; Poetas do Rencontro II ou a colectánea Poesías en Feminino: mulleres do rural, correspondente ao certame que promove o Concello de San Sadurniño.

Aínda hai máis, con posibles iniciativas en Vimianzo ou O Couto, e faille especial ilusión ter participado no certame Poemas pendurados de farois / Rosalía, que chega á súa quinta edición dende Vilalba e Guitiriz, dan man da NPG, Nova Poesía Guitirica: «Penduraranse en febreiro, mes da escritora», avanza Maica. Follas que caen das túas camelias /deixando o teu amor ao mundo... Así comeza a súa creación. Ten tido algunha proposta dunha obra unicamente súa, en solitario, «pero non tiven tempo de xuntar».

A realidade

Maica, conta, traballa dende os 13 anos. Gustaríalle ter sido matrona, pero por circunstancias non puido ser. Confesa ser «unha persoa moi sensible» e cre que, en realidade, «todos levamos un neno dentro». Hoxe divídese entre coidar unha nai enferma, co apoio de seu pai; o traballo de limpeza e, ademais, o de creadora de pequenas obras e complementos en aceiro: «Hai catro meses que vou con isto ás feiras, vou combinando horarios para poder facer todo». A poesía de Pastoriza fala da realidade, da súa e da que ten constancia e percibe: «Darío Villanueva díxome nunha ocasión que eran poemas que expresaban moito, moi maduros».

Aos seus versos chegou o maltrato, as enfermidades que se levan amigos, as axudas da xente que está aí cando as cousas se torcen «e o mundo é tan cruel...». Tamén é quen de escribir, non obstante, seguindo as indicacións dunha temática: dende a propia Rosalía aos Penedos de Pasarela ou, mesmo lembra cun sorriso, o certame de poesía erótica Illas Sisargas convocado en Malpica. Sobre todo iso, poesía tamén sobre a lingua: «Encántame o galego». As circunstancias últimas téñena afastada dende hai cousa de dous anos dos certames, mais non só escribe para eles. En catro ocasións subiu ao podio do Antón Zapata de Laxe; destacou nuns Xogos Florais; emocionou a un xurado en Bilbao con versos dedicados ao seu fillo...

BASILIO BELLO

Escribir élle necesario —mesmo a veces acompaña os seus textos de ilustracións—, un mundo, o literario, no que tamén se internou o seu fillo Darío (24 anos) e ademais logrando recoñecementos, incluso conxuntamente, caso de Polisemias. Con moito esforzo del e materno, «porque unha muller e unha nai é quen de loitar moito», xa rematou aos 22 a carreira de Farmacia e está destacando na investigación, co grupo do que forma parte, sobre o glaucoma. Naquel poema que antes mencionaba para el, pedía que nunca os mozos se esquecesen «de onde veñen, de quen son», que sexan «boas persoas»: «Non hai carreira como a humildade e a honradez».