Un encontro familiar promovido pola alcaldesa a pasada fin de semana acende as críticas de Adiante Vimianzo

M. López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, en una imagen anterior a la pandemia
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, nunha imaxe anterior á pandemia Ana Garcia

O grupo da oposición preguntou no pleno polo ocorrido nunha leira privada en Calo

30 jul 2021 . Actualizado ás 23:37 h.

A corporación de Vimianzo tamén se reuniu este venres na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo. Ademais de aprobar os festivos locais do 2022 (martes de entroido e o 8 de agosto), un plan provincial de obras e a conta xeral do exercicio 2020, na rolda de rogos e preguntas o grupo Adiante Vimianzo sacou a colación o que consideran que foi unha «irresponsabilidade» cometida pola alcaldesa, a socialista Mónica Rodríguez.

Segundo indicou a portavoz do grupo opositor, Marta Rei, a rexedora tería celebrado a pasada fin de semana unha festa «multitudinaria, incumprindo as restricións sanitarias». Segundo Rei, o festexo tería tido lugar nunha «leira privada dá familia» no lugar de Calo o mesmo día que entraban en vigor as restricións de nivel alto para o Concello de Vimianzo. Engadiu a portavoz que participaron «preto de 200 persoas», algo «prohibido para o resto da cidadanía». «Como se entende que a veciñanza teña limitado o número de comensais a seis no interior da vivenda e dez no exterior, mentres que a alcaldesa comía con preto de 200 persoas? A lei debe ser igual para todo o mundo», dixo. O grupo sinalou, así mesmo, que algúns veciños lles trasladaron o seu «asombro» ante o sucedido e que non habería nada que reprochar se o evento tivese lugar «nun local autorizado, onde se obriga a cumprir estritamente as restricións».

A alcaldesa, pola súa banda, asegurou ter promovido unha festa pola primeira comuñón da súa filla, pero «cumprindo rigorosamente tódalas medidas fixadas para o Concello nesa fin de semana», que a pesar de entrar en vigor as medidas o DOG recollía excepcións para os eventos que estivesen concertados con anterioridade. Engadiu a rexedora que fixeron «test de antíxenos a tódolos convidados, pese a non ser necesario» e que comunicaron á Xunta a realización do evento, que foi contratado «a un hostaleiro da vila» e que tivo lugar baixo unha carpa nunha leira.

«Non vou permitir que se utilice á miña familia para atacarme», dixo, «e por amais difamando, xa que a cifra real de convidados alónxase moito da que di Adiante Vimianzo». Estudará, di, se tomar medidas legais contra o que considera é unha campaña de «acoso» persoal.