Renovación na directiva de Neira Marcos: «A parroquia de Salto está máis unida dende que naceu a asociación»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Tilucha Mira con su antecesora, Teresa Ferreira
Tilucha Mira coa súa antecesora, Teresa Ferreira BASILIO BELLO

Tilucha Mira toma a vez como presidenta desta entidade vimiancesa, que xa cumpriu 20 anos. Teresa Ferreira dirixiuna desde a súa fundación

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O 20 de decembro de 2020, vinte anos despois do nacemento da entidade, Teresa Ferreira abandonou a presidencia da asociación Neira Marcos de Salto, Vimianzo. Matilde Mira, Tilucha, colleu a súa substitución con ilusión, empeño e ganas de ver en que dirección camiñará esta organización unha vez o covid dea unha tregua no ámbito social.

Nada no ano 2000 para «dinamizar» a vida social e cultural da parroquia, así como para «poñer en valor» á muller rural, a entidade ha ir expandindo a súa oferta contando sempre cunha «colaboración maioritaria da veciñanza». Un apoio que Teresa agradece especialmente: «Que sería dunha asociación sen os seus socios? Para calquera tipo de actividade Neira Marcos tivo sempre público, e iso é de agradecer», asegura.

De teatro a cociña, pasando por excursións, publicacións feitas pola propia entidade e a divulgación da figura da mestra que dá nome á agrupación: Carmen Neira Marcos. «A nosa foi das últimas xeracións ás que deu clase. Queriamos que a xente que a coñeceu, a lembrase; e que a xente nova se achegase tamén á figura desta mestra», indica a agora expresidenta, que aínda está «asimilando» a marcha e «botando de menos» os seus vinte anos de traballo.

A Tilucha aconséllalle tolerancia, empatía e escoita activa; que vaia persoalmente ás actividades que poida, que comparta as súas impresións coa xente e que forme piña coa nova directiva. Está bastante renovada, pero permanecen algunhas persoas da anterior para asegurar unha transición graduada que sente os cimentos para os próximos anos de Neira Marcos: «Para min sería unha grandísima satisfacción ver á entidade seguir medrando e funcionando, con xente nova e enfoques diferentes», conclúe.

A súa sucesora, que leva desde o 2009 formando parte da directiva, ten claro que non é Teresa , nin pretende selo. E tamén sabe que poderá contar con ela para o que faga falta. Acompáñana Rosa López e o párroco Alejandro Touriñán, así como as novas incorporacións: Rocío Santos e Beatriz Pazos. Confía Tilucha en que a chegada de xente nova veña da man dunha forma diferente de abordar as cousas. Saben que o seu público é maioritariamente xente maior e que teñen que programar actividades para eles, pero tamén pensan que a entrada de xente de menos idade no cadro de mandos pode atraer a máis mocidade ás súas filas.

«Somos unha parroquia moi grande que estivo sempre bastante dividida, pero penso que coa chegada da asociación iso cambiou», reflexiona a nova presidenta, «a xente uniuse moito máis. Creo que cando tes as cousas non lle das moita importancia, pero estase vendo nesta situación o moito que se botan de menos esas clases de cociña e de teatro, eses bailes que facíamos todos xuntos polo magosto ou o entroido... Creo que iso é algo que hai que poñer en valor. Forxáronse moitas amizades aquí», engade.

A marcha de Teresa e doutros membros da directiva, como é o caso de Rosa Sánchez, non colleu a ninguén por sorpresa, xa que facía tempo que viña anunciando. Non é doado pórse ás rendas dunha entidade, recoñece Tilucha, pero agradece ter o apoio da súa familia para poder timonear este barco.