Infraestruturas inviste máis de 400.000 euros na mellora peonil da ponte que une Baio e Vimianzo

La Voz CEE / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Agora vaise a empezar a supervisión técnica do proxecto e, a continuación, prevese o inicio das obras, que terán un prazo de execución de catro meses

22 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta de Galicia vén de acabar a redacción do proxecto construtivo para a ampliación da ponte de Baio, que une os municipios de Zas e Vimianzo a través da AC-552, no que o obxectivo fundamental é mellorar a accesibilidade e a seguridade dos peóns.

Para iso, segundo explicoulle onte o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, ao alcalde de Zas, Manuel Muíño, tiveron que realizar unha modificación do proxecto e adaptarse aos requirimentos de de a Comisión Provincial de Patrimonio, que xa emitiu informe favorable.

Agora vaise a empezar a supervisión técnica do proxecto e, a continuación, prevese o inicio das obras, que terán un prazo de execución de catro meses. O investimento previsto é de algo máis de 405.000 euros e inclúe a ampliación da sección transversal da vía mediante laxas de formigón e beirís en ambos os laterais. Así quedarán dous carrís de tres metros de ancho e beirarrúas de 2,10 metros.

O proxecto tamén inclúe a posta en valor da propia estrutura da ponte e da súa contorna, cunha mellora dos accesos e pavimentos diferenciado para a zona peonil e a dos vehículos.