O Dúatlon de Reis en Vimianzo prevese moi rifado entre os homes

M. R. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Na categoría feminina, parte como favorito Mar Delgado

12 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Uns 190 deportistas desprazaranse na mañá de hoxe a Castromil (Salto) para tomar a saída do undécimo Dúatlon Cros de Reis Concello de Vimianzo. Entre eles estará a campioa das tres últimas edicións na categoría feminina, Mar Delgado. A galega, cun gran palmarés ás súas costas, parte como favorita a reeditar o título, aínda que non llo porán nada doado outras participantes como María Martínez, Cristina López ou Amira Simón. Todo o contrario sucederá na clasificación masculina. Esta prevese moi rifada con corredores como o local David Calzas, o laxense Martín Regueira, Gabriel Castiñeira, Porfirio Fernández ou Alberto Candeán.

A proba partirá ás 11.00 horas para percorrer unha distancia de 30 quilómetros divididos en tres segmentos: un primeiro de 5,4 de carreira a pé; un segundo en bicicleta de 21 (dúas voltas a un percorrido de 10,5 quilómetros); e un último de 3,6, de novo, a pé.

Por primeira vez a cita formará parte do Circuíto Galego de Dúatlon Cros Premio de INverno. De feito, será a primeira en celebrarse. Seguiranlle o de Sada e o Dúatlon dás Letras de Baio.

Na modalidade individual haberá as seguintes categorías: absoluta, júnior e veterana. En substitucións, competirán parellas masculinas, mixtas e femininas. Neste caso, un membro do dúo realizará os dous segmentos de carreira a pé, mentres que o outro, o traxecto en bicicleta.