Un gamo pasta ao pé da AC-552 en Vimianzo

La Voz CEE / LA VOZ

VIMIANZO

A súa presenza xerou multitude de comentarios a través das redes sociais

08 ene 2020 . Actualizado ás 08:37 h.

A difusión esta véspera de Reyes a través das redes sociais dun vídeo no que se ve como un gamo -algúns aseguran que un corzo, aínda que o seu cornamenta, segundo outros, apuntaría máis ben ao primeiro, xa que a imaxe non é moi clara- deu lugar a todo tipo de reaccións e numerosos comentarios na zona, sobre todo a través do perfil de Facebook da edición de Carballo de La Voz de Galicia.

Nas imaxes vese como o cérvido, sexa gamo ou corzo, pasta tranquilo de noite ao pé da estrada comarcal AC-552 ata que as luces e o ruído dun coche chama a súa atención e queda parado, aínda que en ningún momento mostra signos de asustarse tanto como para emprender a fuxida. Dá signos, xa que logo, de que a presenza dos humanos e as súas máquinas non lle é totalmente allea, como lle ocorre ás súas congéneres en hábitats que lles resultan máis propios.

Moitas das especulacións acerca da protección da fauna salvaxe e mesmo apelacións ao que deben facer ou non os cazadores carecen de sentido como puxeron en evidencia varios internautas, porque non se trataba dun animal baixado do monte -tampouco son moi habituais na zona- se non que procede unha leira particular na que tamén viven outras especies exóticas. De feito, unha testemuña asegura que viu dúas na contorna do xeriátrico, co que todo apunta a que algúns dos cérvidos puideron escaparse da parcela e moverse pola contorna ata chegar ao bordo da estrada onde se lle ve pastando tranquilo.