Vimianzo, o Vigo da Costa da Morte con luces nas súas 14 parroquias

La Voz

VIMIANZO

«Fixemos estas decoracións con moito cariño», expresou onte Mónica Rodríguez no aceso, antes de resumir o que será o seu programa de actividades para estas festas

06 dic 2019 . Actualizado ás 08:55 h.

«A meteoroloxía non nos permitiu comezar a tempo coa colocación das luces, pero este ano haberá alumeado nas 14 parroquias do Concello de Vimianzo!», exclamaba onte a rexedora, Mónica Rodríguez, ante unha praza ata os topes que agardaba polo aceso ornamental. Foron as «mans inocentes» de decenas de nenos as encargadas de apertar o botón «máxico» que encheu todo de luz e cor: desde un oso xigante, a unha caixa con forma de agasallo, varias árbores ou decenas de guirnaldas repartidas polas rúas. Vimianzo non escatimou: «Fixemos estas decoracións con moito cariño», expresou Mónica Rodríguez, antes de resumir o que será o seu programa de actividades para estas festas. Na carpa instalada na praza haberá propostas infantís todos os sábados e vésperas de festivo, haberá artesanía no Castelo, unha festa de fin de ano para os máis pequenos, visita de Papá Noel...