A choiva e o vento dificultan as obras

La Voz

VIMIANZO

04 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En toda a comarca a choiva e o vento está entorpecendo a realización das obras. En Carballo está a pólo difícil para o arranque da urbanización da rúa Concepción Arenal e a conclusión da da rúa Barcelona, que xa acumula bastante atraso.

En Vimianzo teñen algo de todo, desde un problema que acaban de resolver, outro que está en execución e un terceiro que presenta moitas dificultades, tanto técnicas como económicas. Segundo explica a alcaldesa, Mónica Rodríguez, na avenida de Fisterra teñen previsto acabar hoxe coa colocación das lousas da beirarrúa, porque o que é o saneamento en si comprobaron o xoves que funcionaba e non deu problemas. «Aquelo era tremendo porque subía a auga polos inodoros de tres locais: Sabina, o antigo Mediterráneo e a administración de Loterías. Ademais xa se sabía dende fai máis dun ano que había unha rotura da tubaxe do saneamento. Eu entereime cando chamamos á empresa para desatascar e o viron. Pensabamos que era un tramiño pequeno, pero ao final houbo que levantar todo dende o Sabina ata a axencia de viaxes», explica.

Paralelamente, unha empresa contratada por Augas de Galicia está a limpar seis quilómetros da canle do río de Vimianzo, desde Cambeda ata Calo, tanto as marxes como o propio leito. O que ocorre é que a compaña di que o tramo urbano non lles compete e o Concello halle pedido a Augas unha aclaración da que aínda non ten resposta. «Temos aí unha pequena discrepancia porque nós entendemos -non é que o queiramos entender- que deberían limpalo, pero se non é así, se nos compete ao Concello temos que facelo e precisamos que nos autoricen, porque a canle xa non é moita e está chea de area. Hai que meter unha pala pequena e limpar, porque a zona de detrás do colexio e do polideportivo non pode seguir así», engade.

En canto á estrada de Olveira, e particularmente o cruzamento de Santa Comba de Baíñas, a solución terá que agardar algo máis. «Fixemos tres consultas e temos dúas ou tres versións diferentes. Por iso que o primeiro que fai falta é unha solución técnica de verdade, unha valoración económica e, despois, mirar en que plan o podemos meter, porque alí xa se fixeron actuacións, que se ve que non deron resultado. O que quero é que o que se faga sexa para quedar», conclúe.