Baíñas, puntual á súa cita anual co pito á brasa

La Voz

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Pito, pementos de padrón, rosca e viño por só oito euros. Sorteos, música, animación infantil e moito máis

12 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A partir das 19.30 horas • A comisión de festas de Baíñas cociñará hoxe medio milleiro de racións para o goce de quen se achegue esta noite ata a Festa do Polo á Brasa, que terá lugar no pavillón polideportivo situado xunto ao colexio.

Onte, a media tarde, faltaba apenas levar as grellas ata o exterior do complexo deportivo, onde se cociñarán os pitos, no caso de que o tempo respecte. «Para a comida non hai problema, porque será no interior do pavillón; pero os polos adoitamos facelos fóra. Se chove, trasladaremos as grellas a un cuberto que hai onde o colexio», explicaba onte José Manuel Rodríguez Blanco, Roque, en representación da organización.

Por 8 euros poderán os asistentes facerse cunha ración de pito, pementos de padrón, rosca, café e bebida. O prezo é lixeiramente superior ao do ano pasado, pero tamén se ofrecerá a posibilidade de levar pitos para casa. Haberá animación infantil -con inchables e monitores- e tamén musical, a cargo dun dúo. Ademais, sortearán diferentes produtos (viño, xamón, lacón...) entre quen compren rifas.