As querelas do arquitecto de Vimianzo contra Antelo e Mancebo acabaron todas sobresidas

La Voz CEE / LA VOZ

VIMIANZO

JOSE MANUEL CASAL

O Xulgado de Instrución Número 2 de Corcubión acaba de ditaminar que «non existen indicios suficientes» de que cometesen ningún dos delitos dos que lles acusaba o arquitecto municipal Julio Vázquez

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Xulgado de Instrución Número 2 de Corcubión acaba de ditaminar que «non existen indicios suficientes» de que o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, e o que era o seu segundo ata hai uns meses, Fernando Mancebo, cometesen ningún dos delitos dos que lles acusaba o arquitecto municipal Julio Vázquez, suspendido do seu cargo tras un expediente por distintas irregularidades.

Vázquez querelouse contra eles por delitos contra a integridade moral, falsidade en documento oficial e prevaricación, porque, xa na denuncia interposta en setembro do 2013, aseguraba que era vítima dunha «acción claramente agresiva e vejatoria cara á súa persoa», que acabou desencadeándolle unha depresión e, en consecuencia a baixa laboral. Con todo, a xuíza, María Purificación Prieto Picos -que se pronuncia sobre esta causa e sobre outra similar presentada en xullo do 2015- considera que as actuacións practicadas e as probas documentais achegadas «non contribuíron a dar unha mínima solidez ás manifestacións do denunciante en canto ao suposto acoso laboral denunciado». E en canto ao resto de asuntos, como a suposta ilegalidade na contratación do arquitecto que substituíu a Vázquez, a maxistrada asegura que «non teñen transcendencia penal», co que, no seu caso, terá que ir á vía administrativa.