Fernando Mancebo e María José Ramos renunciarán o luns ao cargo de concelleiros

M. López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

El alcalde, Manuel Antelo (izquierda), junto a Fernando Mancebo
O alcalde, Manuel Antelo (esquerda), xunto a Fernando Mancebo JOSE MANUEL CASAL

Deixan o goberno local de Vimianzo porque consideran que o alcalde non conta con eles dado que toma decisións de forma «unilateral»

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Fernando Mancebo e María José Ramos non formarán parte do proxecto de Manuel Antelo (Adiante Vimianzo) de cara ás eleccións municipais de maio e ao próximo mandato. O luns farán efectiva a súa renuncia aínda que, segundo os dous concelleiros, é algo que levan sopesando algún tempo. «Non compartimos a liña de traballo dos últimos tempos e a toma de decisións unilateral e unipersoal do alcalde, sen contar co grupo e, moitas veces, enterándonos polos medios», sinalaba onte Mancebo. Coincidía a súa compañeira: «Chegamos a ser unha familia, pero unha persoa non pode tomar as decisións por oito. Se somos un grupo, un equipo, temos que contar todos por igual».

Ambos argumentan unha viraxe no modelo de traballo no último mandato, pero sobre todo no último ano: «As prioridades do goberno distan moito das dos veciños, e iso non pode ser», apuntaba Fernando, asegurando que a súa única motivación para entrar en política era dar voz aos problemas veciñais e que, ao non poder facelo, o máis coherente será «facerme a un lado». «Non ten sentido participar nun proxecto no que es un floreiro», engade.

Ana Garcia

Os dous edís aseguran que a súa decisión supón un «adeus» á política municipal, polo menos polo momento. Non se presentarán, aseveran, por ningunha candidatura en maio, aínda que non pechan a porta a volver a proxectos futuros.

A candidatura

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Antelo, aseguraba onte non ter constancia de tal renuncia, aínda que se desfixo en halagos á hora de valorar o traballo dos dous concelleiros nos últimos anos: «Poderíase dicir que ningún edil estivo tan comprometido coa súa parroquia como eles. Foron persoas moi implicadas no cambio político de Vimianzo».

Respecto da candidatura de Antelo, que presentará en breve, Mancebo di ter confirmación de que «polo menos 5 non continuaremos con el».