O fito dos cincuenta anos de casados

VIMIANZO

Antonio e Dorinda, en Carballo, e Jesús e Elena, en Vimianzo, celebraron esta fin de semana as súas vodas de ouro

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Medio século compartindo a vida con outra persoa. Hai quen nin chega a ter consigo aos seus pais e irmáns durante tanto tempo, e con todo esta fin de semana, en dous puntos diferentes da comarca, dúas parellas festexaban felices as súas vodas de ouro. Por sorpresa e sen sospeitar nada do que os seus fillos se traían entre mans, iso si. Cincuenta anos: un fito para moitos escépticos, que non creen que «as parellas de agora» poidan estirar tanto un matrimonio.

Javier e Socorro foron os encargados de preparalo todo para que os seus pais, Antonio Vázquez (Artes, 1942) e Dorinda Campos (Sofán, 1944), renovasen votos na mesma igrexa que no seu día viu selado o seu amor. «Non sabían nada, nin sospeitaban nada, creo. O meu pai ía todo teso [ri], pero a miña nai xa se emocionou ao ver alí ás súas irmás. No restaurante xa nada, foron todo bágoas», relata Javier, que conseguiu reunir baixo a mesma igrexa a todos os seus tíos. «Foi moi bonito porque, aínda que esperemos que non sexa así, podería ser a última foto que teñen todos xuntos», engade.

BASILIO BELLO

Con todo, a festa sorpresa, milimétricamente deseñada polos dous irmáns, case se vai ao traste cando o cura da parroquia, con toda a súa boa intención, anunciou a ligazón en dúas misas. Con algo de sorte e astucia, lograron coarlles aos seus pais outra mentira piadosa para que chegasen completamente inocentes ao altar.

Os fillos de Javier, Brais e Nerea, de 22 e 23 anos, foron os padriños; e os outros dous netos da parella, duns 5 anos, foron os encargados de portar os aneis.

Antonio e Dorinda, acompañados dunha vintena de persoas, puxeron o remate á festa no restaurante Río Sil.

Ao aniversario dun tío

Aí é onde pensaban que ían Jesús Santos (Salto, 1938) e Elena Rodríguez (Urroa, 1945): ao aniversario número 95 dun tío dela. Ao aparecer no restaurante A Lagoa, con todo, non puideron levar unha maior sorpresa: máis de 30 persoas, entre familiares próximos e amigos, agardábanlles para conmemorar os seus cincuenta anos de matrimonio. Antes de casar, conta o seu fillo Óscar, tiñan amigos en común. Ela casou noviña, con algo máis de vinte anos, aínda que el lle levaba algúns máis.

XESUS BUA

«Dixémoslles que iamos ao aniversario dun tío noso, que fai 95 anos en marzo. Ata lles contamos que iamos facer uns retratos familiares, para que se amañaran e foran ben vestidos. Cando chegou, a miña nai tardou un anaco en reaccionar, estaba en shock», narra Óscar, que argüiu xunto coa súa irmá, Sonia, o plan mestre para a festa.

Para que ninguén falase máis da conta, ata optaron por non dicirlle nada ás mellizas de Sonia, de só seis aniños, para que non se fosen da lingua. A elas déronlles un ramo de flores para que entregasen aos noivos.

Entre a torta, de nada menos que tres pisos, a comida «boísima» e o baile final, «acabamos marchando do restaurante ás catro da mañá», relata o fillo da parella.

Dúas historias de amor separadas en tempo e lugar, pero cun denominador común: o feito de ter compartido toda unha traxectoria vital co outro. ¡Felicidades para os catro!