Dous alumnos de Vimianzo, campións mundiais de modelado 3D na D3Mobile

La Voz

VIMIANZO

3DMOBILE

Aitana Castiñeira e Sergio Castiñeira gañaron, xunto coa súa profesora Ana Penedo, pola realización do modelo 3D dun golfiño de peluche

13 dic 2018 . Actualizado ás 15:38 h.

Os mozos Aitana Castiñeira De León e Sergio Castiñeira Vilariño, alumnos de segundo curso de bacharelato no IES Terra de Soneira de Vimianzo, acaban de ser nomeados campións do mundo de modelado 3D no campionato científico escolar do Campus Terra D3Mobile Metrology World League 2018, impulsado pola Universidade de Santiago a través da Escola Politécnica Superior de Enxeñería, de Lugo.

Coordinados pola docente Ana Isabel Penedo Blanco , que foi a súa profesora de Tecnoloxías da Información e da Comunicación en primeiro de bacharelato, lograron imporse na categoría de modelado 3D. Para iso tiveron que utilizar un obxecto real (neste caso, un peluche rosa dun golfiño) e facer un modelo 3D a partir de fotografías feitas cos seus teléfonos móbiles a este peluche. Ademais, os mozos tiveron que pasar unha segunda proba: a realización de medidas de precisión nun modelo estándar que proporcionaba a dirección do certame.

Este é o cuarto premio que consegue o IES Terra de Soneira neste certame, que ten apenas seis anos de traxectoria: En 2015 un grupo de tres alumnos conseguiu o premio aos mellores artistas 3D de España, e a súa profesora foi campioa do mundo de profesores liderando 3 ou máis grupos. En 2016, a docente revalidou o título.

A recompensa ao talento, o esforzo e a ilusión.