Esteiro entregaralle o apadriñamento do circuíto ao seu compañeiro de aventuras

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

CEDIDA

Espasandín prepárase para o emotivo momento que vivirá na gala de Correndo pola Costa este venres

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A quinta edición do Circuíto Correndo pola Costa da Morte regalounos momentos inesquecibles. Un deles, e que ademais se repetiu en cada un das dez carreiras que o compoñen, foi o éxito e a nova marca de participación. Pero, como se adoita dicir, o mellor aínda está por chegar. E, neste caso, darase na gala que a organización celebrará este venres, ás 21.00, na Casa dá Cultura de Vimianzo. Haberá premios, pero tamén discursos, e dous deles, traerán moita cola. Trátase da camariñá Paula Esteiro, actual madriña desta iniciativa de atletismo na zona, e do soneirán Damián Espasandín, que en tan só dous días converterase no padriño da próxima edición.

Esteiro comentou onte que foi «toda unha honra» apadriñar o circuíto co que comezou «a competir en carreiras». E ollo, que agora é unha deportista de elite nas carreiras de obstáculos. «Damián era o meu adestrador por aquel tempo; un amigo que me animaba a correr dicíndome que eu podía. E que agora el sexa o padriño ao que lle teño que entregar o apadriñamento é o máis», conta emocionada. E é que, ademais, co paso dos anos, acabaron sendo compañeiros de vida, e de aventuras, pois varias veces ao mes percorren España, e outras partes do mundo, en busca de lograr os mellores tempos nas distintas competicións de carreiras de obstáculos. Por todo isto, Paula tenlle certo pánico ao momento de dirixirse a el no discurso: «É doado e á vez tan difícil... Terei que preparalo moito para que me saia ben», dixo entre risos.

Sobre a edición que xa rematou, comentou: «É un circuíto que ten que seguir en auxe e que creo que así vai ser, mantendo as distancias de 3 quilómetros e de 10 para propiciar que a xente se anime a participar, e que outra que xa controla, aproveite para competir e mellorar». «Se eu fun capaz de rematar a miña primeira proba, empezando a adestrar apenas uns meses antes, calquera pode facelo. Como anécdota, fixen unha boa marca e leveime un premio cando nin contaba con rematala. Aluciné», lembrou.

Novo, pero non descoñecido

Espasandín non é ningún descoñecido para o circuíto. Debido ao seu traballo en Cee e Dumbría, como adestrador persoal, estivo moi ligado a esta iniciativa desde o principio. Pódese dicir que foi dos primeiros en apuntarse á primeira carreira. O máis curioso é que, a pesar diso, nunca se imaxinou acabar sendo o padriño dunha edición: «Cando vin a Pedro Nimo, maratoniano co que me identifico moito, ser o padriño do primeiro circuíto, nunca pensei acabar igual. Estou moi contento con esta nova ca que para nada contaba. Foi unha sorpresa moi grata», expresou.

Aínda non é o padriño de forma oficial, pero xa pensou nos obxectivos que se marca como tal: «Intentarei colaborar o máximo posible co circuíto e cos técnicos de Deportes que o levan, promovéndoo e intentando ir máis. Gustaríame poder participar en todas as probas, pero ca liga nacional de carreiras de obstáculos vai ser complicado. Xa teño que ir pensando todo para que non me cadren xuntas», dixo entre risos. Sobre a gala do venres, comentou: «Alégrame moito que sexa en Vimianzo, no meu pobo, e ao carón da miña casa. O de que teña que ser Paula quen me entregue o apadriñamento xa non o levo tan ben [ri]. Será emocionante, e o que me coñece, xa sabe que no meu discurso non faltará o humor e as risas».