A elaboración do mel, pola vella e en casa

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

CARME TOBA TRILLO

RECOÑECEMENTO | Xa quedan poucos agricultores que se dedican a «castrar» as antenas: sacar o froito dos panales

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A apicultura derivou nun traballo profesional, con produtores na zona de moi alto nivel, mesmo industrial, cuxo traballo estivo nun brete nestes dous últimos anos debido sobre todo á incidencia da avespa velutina, aínda que as abellas xa levaban anos indo a menos.

Son os herdeiros dos propietarios das abellarizas, hoxe abandonadas no monte en boa medida, sobre todo en zonas de Vimianzo e resto de Soneira, onde a súa incidencia foi moi importante ao longo da historia. No entanto, aínda quedan agricultores cos seus espazos en casa, ou máis ben nun alpendre, dos que se extrae o mel para consumo propio, un traballo que se denomina castrar.

Hoxe, os panales (antenas) xa se extraen coa indumentaria apropiada, ben protexida a pel, pero antigamente podía máis o risco e a maña. Ou a sorte. Estes produtores son as poucas testemuñas que van quedando dunha época de subsistencia na que na casa se facía todo: había ocos nas paredes laterais para atraer ás pombas, saíntes nos mesmos muros para o forno do pan, ou apeiros que permitían traballar o liño. Cada unha desas e outras moitas actividades hoxe son especialidades ou artesanías. A extracción do mel empeza co fumegado, sobre unha teza e cos cadolos das espigas, axudados da espátula para rascar e a barredera a base de ramas de buxo.

CARME TOBA TRILLO

Na extracción achéganse dous baldes para depositar as antenas, que antigamente se recebaban con excrementos de vaca. O fume e o varrido vanse combinando coa extracción, e vese o froito das abellas, protexido cunha especie de malla ou rede, que se corta. O mel adoita abundar, pero tamén ven algunhas crías. Os panales pódense prensar e despois coar o mel, pero tamén poden escurrir directamente. Unha parte xa se usa para o consumo inmediato, semanal, que para iso din que ten efectos antibióticos. A outra vai á pota e derrétese aos poucos. Se non hai ningún mel xa vai directamente para cera.

CARME TOBA TRILLO

Cando arrefría, a cera compacta e sobe cara arriba, e o mel queda abaixo. Quítase a cera e o mel sométese a colación, por exemplo -obvio- cun colador. Pero estes instrumentos non os houbo sempre, así que se usaba unha tea de esparto, liño ou estopa, que se gardaba especialmente para esta tarefa anual. A cera nunca se tivo moi en conta, salvo nas épocas nas que os cereiros acudían a por ela, para fabricar as velas. Adoitaban desprazarse dacabalo polas aldeas, ou nas feiras, e non só compraban cera, tamén peles de animais ou la. Todo este procedemento foi documentado por Carme Toba Trillo, vogal da entidade Apatrigal, hai uns días na súa casa familiar de Muxía.