A Deputación achegará 267.000 euros para ou plan do Castelo de Vimianzo

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Foi anunciado polo alcalde e o deputado Xesús Soto no simposio, que rematou onte

30 sep 2018 . Actualizado ás 21:45 h.

O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, e o deputado provincial de Patrimonio, Xesús Soto, aproveitaron onte a súa participación no simposio sobre o castelo para anunciar o novo convenio que rexerá a xestión do monumento no seu futuro. Este acordo incluirá a conversión do entorno da fortaleza soneirá nun gran parque urbano. O orzamento necesario para a intervención é de 300.000 euros, dos que 267.000 serán aportados pola Deputación. O ente provincial xa ten a cantidade reservada e será aprobada en datas próximas.

Antelo deu as grandes liñas da intervención, que consistirá en gran parte, dixo, no que xa está previsto nas normas urbanísticas: un amplo espazo axardinado, con entrada e saída dende o centro da vila, con muíño, lavadoiro e regato incluído. Os alpendres e unha vivenda abandonada do entorno, que xa forman parte da zona de influenza da fortaleza, pasarán a ser propiedade do Concello, ben por negociación, ben por expropiación, que xa está en curso. Estas construcións vellas serán destinadas a servizos propios dunha edificación histórica, como tendas, cafetería oficina de información e outros servizos que contribúan ó mantemento económico do conxunto.

Incluiranse áreas de ocio, haberá nova musealización, eliminaranse os espazos degradados, en fin, «cambiar Vimianzo» para que todos poidan velo e gozalo, anunciou o rexedor. O deputado dixo apoiar toda esta proposta porque o obxectivo da Deputación é que o castelo pase a mans do Concello. Apuntou, neste senso, que en Vimianzo e Zas, en relación ás Torres do Allo, así o entenden. «Estamos contentos de como evolucionaron as cousas estes anos». Xusto nesta mesa redonda, na que tamén participou o autor do Plan Director do Castelo de Vimianzo, César Abella, responsable de Trivium, xerouse un debate sobre a posibilidade de cobrar entrada. Os poñentes eran todos favorables, se ben coas excepcións de rigor. Se anualmente entran 30.000 persoas na fortaleza, cobrando o acceso poderíanse ingresar 30.000, 60.000 ou 150.000 euros segundo o prezo que se poña, veu a dicir o mandatario.

Un forte ballón de historia acompañado de arqueogastronomía

Foi unha xornada intensa, que comezou coa intervención de Carlos Galbán e Jorge Rouco para falar das relacións de poder e arqueoloxía. Continuou Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, que explicou a súa intervención en 1998, tralo derrube parcial dun tramo do muro exterior. Sacou como conclusión o especialista que a fortaleza que coñecemos actualmente é o froito das sucesivas reformas sufridas durante a historia, ben pola demolición provocada pola revolta irmandiña como polas intervencións posteriores.

A falsabraga, na que el escavou, non é medieval, segundo apuntou. Tamén foi sinalando as posibles reformas sufridas polo monumento ao longo dos séculos. Co derrube de finais dos anos 90, púxose de manifesto o recheo con materiais e pezas procedentes doutras estancias do inmoble. Considera que as reformas máis importantes puideron darse en torno ao ano 1604 por parte de Gil de Balensuela, alcalde e xestor da fortaleza. Cre que posiblemente destruise a vella torre medieval, cuxos alicerces se ven actualmente no patio de armas. A outra intervención importante sería entre 1880 e 1890 por parte de Evaristo Martelo.

Carlos Barros deu unha conferencia maxistral sobre os irmandiños, acto previo ao percorrido dende a casa de cultura ata o castelo, onde os participantes no simposio se mergullaron na arqueogastronomía coa degustación de costela en salsa de cervexa, sardiñas, troncos e antorchas, mexillóns e luras, sabores medievais entre grosos muros.

Vos veciños xa pagaron a fortaleza

A mesa que xerou máis debate onte no simposio foi a protagonizada por Carlos Aymerich, Emilio Grandío Seoane e Bernardo Maiz Vázquez, que versou sobre a Historia do pasado recente do Castelo de Vimianzo: os sucesos do 36. Foi moderada por Luis Lamela, autor de varios libros sobre la represión tralo alzamento do 36. Defendeu Aymerich que a fortaleza dos Altamira foille expropiada a Dolores Martelo por unha corporación lexítima no ano 36. O Concello vimiancés pagou antes da guerra 9.000 pesetas polo monumento. Estes cartos foron consignados no Banco Pastor e, segundo a súa opinión, o inmoble histórico foi adquirido polo Concello e pagado polos seus veciños. Neste senso, apuntou, sería propiedade do Axuntamento.

Bernardo Maiz contou os acontecementos tralo golpe de Estado e como o Concello foi tomar posesión oficialmente das torres, pero desapareceron o libro de actas e demais documentación ao respecto. O goberno municipal daquel entón pretendía converter o castelo en consistorio, mercado, matadoiro e lavadoiro públicos. Maiz e Lamela tamén contaron a represión sufrida polos concelleiros.