Representación da Costa da Morte no certame de imaxes antigas do proxecto Ponte... nas Ondas!

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

A tarefa que se lles propuxo aos centros educativos foi sinxela: recuperar fotografías antigas que posúen as familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado con cada instantánea

17 jul 2025 . Actualizado a las 13:23 h.

Arredor de medio milleiro de fotografías antigas, así como varias ducias de podcasts, concorren na oitava edición do certame de imaxes de patrimonio que vén convocando anualmente o proxecto Ponte... nas Ondas! Escolas de toda Galicia, entre elas unha de Ponteceso, remitiron nesta edición os seus traballos feitos nas aulas.

A tarefa que se lles propuxo aos centros educativos foi sinxela: recuperar fotografías antigas que posúen as familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado con cada instantánea. Ademais, dende hai uns anos tamén se lles ofrece aos alumnos a posibilidade de elaborar podcasts sobre as imaxes.

Así, mediante este recurso de participación adicional, os estudantes puideron entrevistarse con familiares, veciños ou persoas que gardasen relación co material recuperado para que estes aportasen un contexto ou unha explicación ás fotografías.

O obxectivo deste certame, indican dende o proxecto Ponte... nas Ondas!, é acceder a «unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas polas novas xeracións».