Ao alcalde de Ponteceso a oposición xa non lle aproba nin sequera os festivos locais

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Imagen de archivo de un pleno en Ponteceso
Imaxe de arquivo dun pleno en Ponteceso ANA GARCÍA

Continúa o bloqueo na corporación municipal

29 jul 2021 . Actualizado ás 19:05 h.

Aos 5.500 veciños de Ponteceso, autónomos, empresarios e provedores do Concello quédanlles dous anos moi complicados. Unha verdadeira travesía polo deserto. Unha diminución na calidade de vida que afecta, sobre todo, aos servizos públicos que deberían recibir por culpa do bloqueo ao que os somete a corporación municipal.

O bloqueo serviu para que, entre outras cousas, Ponteceso quede sen 1,1 millóns de euros do POS, sen 2,5 millóns de plan de aforro enerxético, con máis de 400.000 euros en facturas a provedores pendentes de pagamento e case 700.000 euros do remanente bloqueados.

O último esperpento viviuse este martes pola tarde co debate e aprobación dos festivos locais para o 2022. Desde sempre se acordou que fosen festivos o luns e o martes da Barquiña, que o próximo ano recaerán o 13 e 14 de setembro. Pois ben, o PP expuxo unha alternativa: substituír o martes 14 de setembro polo 16 de xullo, festividade do Carmen, patroa dos mariñeiros, en consideración co sector pesqueiro e marisqueiro de Corme . A proposta alternativa saíu adiante co apoio do PP e os 4 edís do grupo dos non adscritos

Polo demais, continúa o intento de acoso e derriba dos edís da oposición, que este martes volveron reclamar ao alcalde, Lois García Carballido, que se bote ao carón, algo que o mandatario cualificou de «moción de censura encuberta».

Un exemplo. O executivo local presentou unha modificación de crédito para o pagamento de 57.000 euros en facturas a provedores (unha de 50.000 é a favor de Naturgy) e unha transferencia de crédito de 90.000 euros para satisfacer unha cota dun crédito solicitado no ano 2012 polo PP sendo alcalde da localidade José Luis Fondo. A iniciativa foi rexeitada cos votos do PP e dos catro edís do grupo dos non adscritos, mentres que APIN abstívose. Só votou a favor do pagamento das facturas os tres representantes do PSOE.