O pleno, co aval de 5 edís do executivo, frea un pagamento de facturas a autónomos de Ponteceso

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

O alcalde e unha concelleira foron os únicos que votaron a favor da medida

30 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Ponteceso, o socialista Lois García Carballido, volveu sufrir este luns pola tarde un novo revés político no que vai de mandato. E como xa sucedese con anterioridade, o pau veulle dos seus propios compañeiros de partido. En concreto, cinco edís socialistas, quen coa súa abstención, facilitaron o rexeitamento á proposta do rexedor de facer fronte ao pagamento de facturas atrasadas a autónomos, moitos deles de Ponteceso, por contía conxunta de case 300.000 euros.

O PSOE aprobara en asemblea e goberno local propuxera o pagamento destas facturas. Pero á hora da verdade a medida foi rexeitada polos cinco votos en contra (PP e APIN) cinco abstencións do PSOE e só dous votos a favor do PSOE, un deles do alcalde. Unha vez rexeitada a proposta, o rexedor retirou do punto da orde do día a aprobación deste recoñecemento extraxudicial de crédito.

O alcalde mostrouse desgustado coa decisión adoptada polos seus compañeiros de goberno (na sesión deste luns non acudiu un dos oito edís), pero onte avanzou que seguirá «falando e mantendo xuntanzas para resolver esta situación», tendo en conta que, ao seu xuízo, unha da prioridades é estar ao día nos pagamentos: «Collemos un Concello con 5,5 millóns de débeda, dos cales, 2,5 millóns eran de facturas pendentes de pago con provedores. Amortizamos 4,5 millóns e creo que un Concello debe pagar a aqueles autónomos e pequenos empresarios que traballan ou prestan un servizo para o Concello». Ao mandatario mesmo lle chamou a atención que uno dos representantes do PP votase en contra de aprobar a medida a pesar de ser un pequeno autónomo. Con respecto ás facturas, Carballido sinalou que son «deste ano» e para as que «hai a correspondente partida económica». E engadiu: «O xusto é que aqueles que traballan cobren polo traballo desenvolvido», argumentou antes de reiterar o seu compromiso de que estes case 300.000 euros en facturas pendentes de pagamento regresen a debate e a aprobación canto antes.

Os díscolos piden a dimisión do rexedor e no PP xa falan de moción de censura

Na oposición séguense fregando as mans tras comprobar, unha vez máis, que a ferida no seo do executivo local, lonxe de cicatrizar, continúa supurando. O portavoz dos populares, Daniel García Cotelo, xa instou leste mesmo luns ao rexedor a dar un paso ao lado e deixar o bastón de mando noutras mans: «O Partido Popular de Ponteceso pide ao señor alcalde a súa dimisión dado que non pode seguir sen apoios para gobernar este Concello». E argumentou: «Sexa coherente e abandone antes de que lle teñan que facer unha moción de censura. Isto é o mellor para todos e sobre todo para os veciños», acusando de paso ao mandatario de actuar con «terquedad».

Os seis edís díscolos co rexedor criticaron as súas decisións «unilaterais», das cales nunca serán «cómplices». Pediron que non «se minta aos veciños e veciñas que confiaron» nel, e tamén piden a renuncia do alcalde pontecesán.

O líder de APIN acusa a Carballido de «non ter un proxecto de futuro para Ponteceso»

Na mesma liña argumental que o Partido Popular se expresou o portavoz de APIN-SON, José Manuel Pose: «Nós fomos os primeiros no pleno en reclamar ao señor alcalde que deixe o cargo ao non contar cos apoios suficientes para seguir ao fronte do goberno local».

En canto aos motivos que levaron á formación pondaliana a votar en contra deste recoñecemento extraxudicial de crédito de case 300.000 euros para o pagamento de facturas atrasadas a autónomos, moitos deles de Ponteceso, Pose esgrimiu: «Non estamos en contra de que se lle paguen ás empresas que traballan para o Concello, ao contrario. Pero si que de forma sistemática e en cada pleno se leve un recoñecemento de crédito. Volvemos á etapa do PP [José Luis Fondo] cando levaba un a cada pleno». E engadiu: «O problema é que non hai proxecto para Ponteceso. Hoxe se fala de dedicar unha partida para unha cousa e logo cámbiase de criterio. Para que aproban entón un orzamento se logo non se cumpre nada?», cuestionouse.